O deputado galego Adolfo Pérez Abellás ve na prórroga do Ano Santo unha “oportunidade” para contribuír a “impulsar a recuperación económica” en Galicia
O voceiro de Turismo do Grupo Socialista no Congreso, o galego Adolfo Pérez Abellás, demandará ao goberno de España que manteña o “impulso” para apoiar a celebración do Xacobeo ata finais de 2022.
“A prórroga do Ano Santo durante 2022 por parte do Vaticano constitúe tanto un reto como unha oportunidade, xa que obriga a manter o impulso previsto durante doce meses e fará posible festexar este acontecemento unha vez que superemos o peor da situación sanitaria”, explicou o deputado do PSdeG, quen subliñou que esta excepcionalidade “contribuirá a impulsar a recuperación económica nas zonas polas que transcorre o Camiño e, particularmente, en Galicia”.
Nuns días marcados polo arranque de Fitur, Pérez Abellás puxo en valor esta circunstancia logo de que o Xacobeo 2021 comezase “condicionado pola situación da pandemia”, o que supuxo unha redución considerable na afluencia de peregrinos, turistas e visitantes a Santiago como consecuencia das limitacións de mobilidade e das restricións previstas para conter a propagación do virus.
Ademais, isto provocou -incidiu- que, no que levamos de ano, “a programación prevista tivese grandes dificultades para poder realizarse”, o que seguirá sendo así “mentres non cambien de xeito substancial as condicións sanitarias”. Precisamente por iso, avogou por que o goberno de España manteña o apoio á celebración do Ano Santo compostelano durante un ano máis.
COMPROMISO CO XACOBEO
En paralelo, o responsable socialista puxo en valor o “impulso” levado a cabo por parte do goberno de España ao Xacobeo, cando “colaborou con outras administracións para ter nas mellores condicións o patrimonio do Camiño e a propia cidade de Santiago, así como para impulsar a promoción turística das rutas e do evento”.
Ademais, entre outras medidas, Pérez Abellás reivindicou as desgravacións fiscais postas en marcha polo executivo central para a celebración do evento, que supoñen “unha medida de enorme calado” á hora de incentivar a participación do sector privado neste Xacobeo 2021-2022.