José Manuel Lage Tuñas constata o “nerviosismo” dos populares con Besteiro, e atribúeo a que o PSdeG “conta con datos” que apuntan ao cambio de ciclo político en Galicia coa perda da maioría absoluta do PP
O Secretario de Organización dos socialistas galegos censura que o goberno galego “prefira financiar cruceiros polo Mediterráneo no canto de investir en vivenda para os mozos e mozas” de Galicia
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, criticou hoxe que o presidente de Galicia actúe “como un títere nas mans de Feijóo e Ayuso”. Lamentou que estea “dedicado ás manifestacións e algaradas, pero non a presidir Galicia”, onde deixa sen executar o 59,5 por cento dos fondos europeos transferidos polo goberno de España”.
Así o dixo logo de facer unha valoración moi positiva da toma de posesión de Pedro Sánchez como presidente do goberno, que constitúe “unha boa noticia para Galicia”. Criticou a un presidente da Xunta centrado en confrontar dende a rúa mentres de acordo co último informe do Consello de Contas deixa só executou 524 dos 1.098 millóns de euros de fondos europeos dispoñibles para esta Comunidade Autónoma.
O responsable socialista puxo á vivenda pública como exemplo gráfico do desleixo do goberno galego, que mentres os mozos e mozas están “a pasalo mal” e con graves problemas de acceso á vivenda polo aumento imparable dos prezos, Galicia só executa 4,5 dos 52 millóns de euros que ten dispoñibles para financiar o acceso á vivenda.
Criticou que continúe sen ofrecer resposta ás necesidades de vivenda e aos proxectos imprescindibles para reflotar a economía das comarcas galegas que máis o necesitan, pero “se dedican a viaxar a Génova -Italia- para promover cruceiros polo Mediterráneo cando a xente o está a pasar realmente mal”.
Ademais, explicou que Galicia “inviste sistematicamente menos” que a media das comunidades autónomas no canto aos servizos públicos básicos. Así, a Xunta dedica 78 euros per cápita menos aos servizos sociais, 56 euros menos á educación e 43 euros menos en sanidade, deixando ao 60 por cento dos concellos sen Pediatría en Atención Primaria e con listas de espera de máis de 10 días para unha primeira consulta.
Afeoulle ao presidente galego que se sume á “estratexia da crispación” de Feijóo e Ayuso, como demostraron esta mesma semana ao romper no último momento o acordo institucional para renovar á Fegamp. Criticou que utilizaran como escusa unha xuntanza do presidente da Fegamp, o alcalde de Vilagarcía Alberto Varela, co candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro, demostrando que “cada vez que o ven póñense nerviosos”.
Data electoral
O responsable socialista criticou que o presidente da Xunta estea “completamente ausente dos problemas do país”, evidenciando o seu “nerviosismo constante” ao “xogar permanentemente coa convocatoria de eleccións”. Subliñou que os socialistas galegos “dispoñemos de información e datos que indican que o PP tería agora mesmo perdida a maioría absoluta”, o que explica as “dúbidas” á hora de convocar os comicios.
Advertiu “pulsión de cambio” na sociedade galega liderado polo “gran candidato” do socialistas galegos que é José Ramón Gómez Besteiro, articulado no proceso aberto de escoita que culminará na Convención Nacional do 16 e 17 de decembro. Un PSdeG, dixo, “aberto á sociedade”, que está a incorporar a maioría social progresista e ao “galeguismo cívico” de “persoas sen estrutura partidaria que queren cambiar o país”.
Grazas ao seu liderado, dixo, o PSdeG está “en condicións de ofrecer un proxecto político progresista que poña fin á resignación do PP”, un goberno “triste” e “máis preocupado do que pasa en Madrid que de resolver os problemas dos galegos e das galegas”. Emprazou ao presidente da Xunta a “poñer fin á agonía” do goberno galego e ao que cualificou como “epílogo do fin de ciclo dun PP esgotado”.