Javier Carballo considera “aberrante” que a norma da Xunta supostamente concibida fronte ás discriminacións non teña unha sola referencia ás persoas LGTBI
O secretario de dereitos LGTBI do PSdeG, Javier Carballo, cualificou hoxe de “aberrante” que o proxecto de Lei de Cultura Inclusiva, que vén de ser aprobado no Consello da Xunta esta mesma semana e que vai iniciar o debate parlamentario, non conteña “nin unha sola referencia ao colectivo LGTBI”. Carballo esixiulle á Xunta que empreguen esta norma “para combater tódolos tipos de discriminación”.
O responsable socialista acusou ao conselleiro de empregar a Lei “como medida electoral para a galería e para aparentar que fai algo”, cando en realidade “carecen de estratexia e demostran unha lamentable falla de preocupación real pola diversidade e pola cultura do país”.
Carballo sinalou que a cultura constitúe “unha das nosas ferramentas máis potentes para combater as discriminacións”, e reclamou aproveitar o texto para “combater tódolos tipos de discriminación”. Lembrou o xesto do presidente do goberno, Pedro Sánchez que onte “lles falaba a tódolos líderes europeos do poeta granadino Federico García Lorca”, que é “un referente LGTBI que non se debe de agochar”.
Amosouse “orgulloso” da decisión do presidente do goberno de reivindicar ao poeta asasinado polo franquismo, e lembrou aos moitos referentes da cultura tamén en Galicia, como o caso do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor ou a poetisa madrileña Gloria Fuertes, así como “outros moitos da actualidade que son referentes das novas xeracións”.
Reclamoulle á Xunta que despregue a súa estratexia cultural para promover programas e medidas específicas para erradicar a LGTBIfobia a través da cultura fronte aos “lamentables xestos” no sentido contrario por parte do PP e de Vox. Sinalou á censura este mesmo verán da película de debuxos animados “Lightyear” polo goberno de coalición da dereita e a ultradereita nun pobo de Cantabria.
Javier Carballo reivindicou o traballo, a traxectoria e a figura de tantos referentes culturais de “traxectoria impecable” que “loitaron contra vento e marea contra a discriminación que sufriron en primeira persoa por seren como son”. Reclamou recursos económicos e espazos específicos nos arquivos históricos para sinalar a represión LGTBI e garantan un “exercicio de memoria” imprescindible.