Lara Méndez sinalou tras a Xunta de Voceiros que mentras Rueda “saca peito” co teito de gasto proposto, as listas de espera na sanidade galega alcanzan niveis críticos, con tempos prolongados para consultas con médicos de cabeceira e especialistas
O PSdeG manifestou hoxe a súa postura crítica ante o teito de gasto proposto polo Partido Popular por “insuficiente, continuista e conformista” que “repercute negativamente nos servizos públicos e no estado de benestar das galegas e dos galegos”.
Tras a Xunta de Voceiros celebrada este mediodía na Cámara galega, Lara Méndez dixo que Galicia está a crecer menos que a media española e que o seu crecemento se debe exclusivamente ao impulso do resto de España e aos fondos europeos, “os cales, por outra banda, non se están aproveitando nin executando de maneira efectiva”. Por iso, insistiu na necesidade dunha política económica con marca galega e maior ambición, sen depender só do crecemento de España.
A socialista reiterou o seu compromiso coa defensa dun mellor financiamento para Galicia que se adapte ás súas singularidades: “Nós loitaremos por políticas que garantan a calidade dos servizos públicos e o benestar dos galegos e galegas”.
Méndez sinalou que mentras Rueda “saca peito” co teito de gasto proposto, as listas de espera na sanidade galega alcanzan niveis críticos, con tempos prolongados para consultas con médicos de cabeceira e especialistas.
Tamén destacou que en dependencia, as persoas maiores e dependentes enfrentan longos tempos de espera para o recoñecemento da mesma, con solucións insuficientes como os bonos coidados que non cobren as necesidades reais das familias.
Por outra banda, en relación ao mercado laboral destacou que Galicia mostra un crecemento do emprego do 0,3 %, significativamente inferior ao 2 % de media en España, e un aumento do desemprego do 2,2 %, con 2.600 persoas máis en paro no segundo trimestre de 2024.
Lara Méndez lembrou que Galicia podería dispoñer de máis cartos pero que a negativa do PP a votar o teito de gasto no Congreso resultou nun axuste financeiro que afectou negativamente ao gasto social, cun impacto de 422,4 millóns de euros entre 2024 e 2026, repercutindo na calidade dos servizos públicos esenciais.
A socialista criticou que “nesta senda de incompetencia” a execución orzamentaria dos fondos europeos estea por debaixo do 50 %, “o que demostra a ineficacia do Goberno galego na xestión destes recursos vitais para o desenvolvemento da comunidade”.
Lei da CRTVG
Sobre a nova lei de CRTVG, suliñou que atenta contra a independencia editorial e a calidade informativa da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, “converténdoa nunha ferramenta de propaganda partidista en lugar dun servizo público imparcial”.
Lara Méndez calificou a situación actual da CRTVG de “alarmante, con máis de 322 venres negros en protesta polas condicións laborais e a falta de independencia”. Os traballadores, dixo, enfróntanse a baixas permanentes, denuncias por acoso laboral e traslados forzosos, incrementando a presión e o malestar no persoal. “Esta situación está a provocar unha diminución significativa na audiencia, que xa baixou nun 30 %”, condeou.
A preguntas dos xornalistas sobre a declaración do presidente do Goberno, a viceportavoz do PSdeG na Cámara denunciou as malas prácticas do PP para conseguir por vía xudicial o que non conseguen nas urnas: “Numerosos membros destacados do PSdeG temos sido obxecto de persecución política e acoso xudicial por parte do PP, co obxectivo de desprestixiar e debilitar ao partido”.
Méndez destacou exemplos de detención e acoso de líderes locais como Orozco, Paco Rodríguez e Juan Valiño, así como a campaña de desprestixio contra José Ramón Gómez Besteiro cando deu o paso á política autonómica. Besteiro, en particular, enfróntouse a imputacións baseadas en denuncias anónimas, que posteriormente se demostraron infundadas, pero que lograron apartalo temporalmente da súa carreira política.
Estas prácticas, sinalou Méndez, reflicten un patrón de comportamento do PP que, en lugar de competir democraticamente nas urnas, opta por utilizar mecanismos xudiciais e denuncias sen fundamento para atacar e eliminar adversarios políticos. Esta estratexia non só atenta contra a integridade dos afectados, senón que tamén socava a confianza nas institucións democráticas e xudiciais.