Gonzalo Caballero, economista con máis de 20 anos de especialización en políticas públicas, garante a “prioridade da revitalización económica” para Galicia tras un goberno conservador “desnortado e inactivo no económico”
Santiago, 3 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe a necesidade de utilizar “todos os resortes e capacidades das administracións públicas” para combater a crise que deixa a covid-19 e, para iso, anunciou a constitución dun comité de expertos que contribuirá a deseñar “unha nova política económica ao servizo da cidadanía” para “a Galicia do futuro”.
Dese grupo de traballo, xunto con outros economistas como o propio Gonzalo Caballero, formarán parte os ex-presidentes da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe.
“Como economista e como secretario xeral do PSdeG, o meu maior esforzo será construír unha folla de ruta que axude a recuperarse ao tecido produtivo da nosa comunidade”, asegurou o líder dos socialistas galegos, consciente de que o papel do goberno galego é fundamental fronte a unha crise de tanta envergadura.
É por iso que o papel do comité de economistas é traballar para “dar resposta ás necesidades de Galicia” e “orientar” a saída desta crise tras “unha década sen política económica nin industrial en Galicia”.
De feito, Gonzalo Caballero engadiu que “o balance de Feijóo tras 11 anos de goberno resumíase na redución en 70.000 persoas da poboación ocupada en Galicia” antes da chegada da covid-19, polo que “era necesario un novo rumbo económico” que agora xa “é urxente” para combater os efectos da pandemia.
“Temos que definir unha nova política económica que acompañe ao tecido produtivo de Galicia”, resaltou Gonzalo Caballero, e puxo o acento en que o impulso do público na “reconstrución da Galicia do futuro” ten que servir para “recuperar o crecemento, adaptar o modelo produtivo e frear a curva da desigualdade social” que nos deixa o paso do coronavirus.
“ECONOMÍA AO SERVIZO DAS PERSOAS”
Ao respecto, o máximo dirixente do PSdeG recordou que a Xunta “ten competencias en materia económica, industrial, de comercio, nas relacións laborais, nas políticas activas de emprego…” e incidiu en que o goberno autonómico “ten que ser a panca e o impulso para a economía en tempos de dificultade”. “Defenderemos o público para orientar estratexicamente a Galicia”, apostilou.
Así pois, tras sinalar que tralo freo da curva dos contaxios toca frear tamén a caída da economía e a desigualdade derivada, Gonzalo Caballero pediu activar a iniciativa e a capacidade económica do goberno autonómico. “A Xunta ten que tomar medidas para acompañar ás empresas, aos autónomos e aos traballadores”, recalcou.
“Hai que traballar para adaptar o modelo produtivo a un tempo novo, de xeito que sexa compatible cunha economía ao servizo das persoas”, subliñou o máximo dirixente do PSdeG, profesor de economía con máis de 20 anos de carreira, e fixo fincapé na importancia de contar en Galicia cunha auténtica política económica, industrial e de I+D+i para “a Galicia do futuro”.