Julio Abalde invitou ao PP a aprender do acontecido nos últimos 15 anos, nos que as políticas baseadas na “manipulación” destruíron “o que custou construír con esforzo entre 1984 e 2009”
O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia reclamou hoxe no pleno da Cámara avanzaren nunha solución “definitiva” con respecto á normalización da lingua galega. Na defensa dunha moción asinada por Silvia Longueira, Julio Abalde sinalou como “prioritario” que os diferentes partidos acaden nesta lexislatura un acordo “por enriba de intereses políticos” e que ese pacto se manteña no futuro.
Abalde enmarcou a emerxencia que padece o idioma propio de Galicia na “manipulación social” que serviu como pretexto para dinamitar o consenso que existía ata hai 15 anos. “Dese episodio queda un aprendizaxe: o que custou construír con esforzo entre 1984 e 2009 destruíuse en meses”, dixo sobre a decisión de Feijoo de converter nun problema o que é “un patrimonio de todos”. O que se deu en chamar “bilingüísmo harmónico” non foi máis que “unha escenificación” para reverter os avances que acadara o galego en moi diferentes eidos.
Agora, cando o conselleiro de Cultura está a convocar encontros coas forzas políticas para analizar propostas en favor do galego, Julio Abalde defendeu a urxencia de programar desde a Xunta accións para a normalización lingüística.
Fronte ás medidas que impulsou o PP, que levaron á lingua ao peor momento da súa historia, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, Abalde valorou a posición “proactiva” do Goberno de España, que deu e está a dar pasos adiante para incrementar o uso e o prestixio do galego. Así, lembrou que o Executivo socialista impulsou o emprego do galego como lingua cooficial no Congreso dos Deputados. “Unha magoa que Feijoo votase en contra”, recordou.
O deputado socialista tamén se referiu ao traballo que está a desenvolver o ministro de Asuntos Exteriores para que a lingua galega, xunto co euskera e o catalán, acade o estatus de cooficialidade no Parlamento Europeo. Abalde sinalou que, unha vez que a familia socialdemócrata e outras das que forman parte da Cámara europea xa se mostraron a favor, falta o apoio do Partido Popular Europeo para que o galego se una ás 24 linguas que xa son cooficiais e, dese xeito, acade “máis visibilidade e un lugar no mapa”. Por ese motivo, demandou dos os populares galegos vontade para “convencer” aos seus compañeiros en Europa.
Pola contra, lamentou que nas tres ocasións que Albares levou a proposta a comisións parlamentarias (Exteriores, Cooperación e Mixta) Feijoo deu orde de non apoiala. “Cal é o problema?”, preguntouse Julio Abalde para insistir: “Onde queren estar vostedes? Coas prioridades que defendemos os europeístas ou coa extrema dereita?”.
Fronte a esas posicións, o parlamentario socialista destacou os beneficios de “cada paso que damos en afianzar o coñecemento e a divulgación do idioma”. Como exemplo puxo o reforzo do sentimento de pertenza a unha cultura común, o apoio á creación artística do país, cos beneficios económicos que implica, ou situar Galicia estratexicamente no mapa cultural europeo.