Santiago, 20 de marzo de 2020. O PSdeG manifestou hoxe o seu apoio ás medidas tomadas pola Xunta para loitar contra a propagación do COVID-19, despois de que o Goberno de España aprobara mobilizar 200.000 millóns de euros para os eidos sanitario, social e laboral.
Así, puxo en valor que o goberno galego decidise ampliar o número de camas en UCI e aprazar as cotas de devolución dos préstamos concedidos polo Igape e XesGalicia, tal e como propuxera o PSdeG dentro dun paquete de medidas para os distintos ámbitos aos que afecta a crise do coronavirus.
En paralelo, o Partido Socialista subliñou que é “fundamental” que o goberno galego planifique e extreme as medidas para conter as infeccións en centros e residencias de maiores, cuxos usuarios teñen a consideración de grupos de risco.
“Todos os esforzos do goberno galego teñen que ir a loitar contra o coronavirus”, sinalou o PSdeG, para advertir a Feijóo de que é “un exceso imperdoable que se dedique a gastar o diñeiro público en contratar na Xunta aos candidatos do PP” tanto pola situación social do país como polo feito de que a lexislatura está prorrogada de xeito excepcional.
“Nun momento cheo de ERTEs e dificultades para traballadores e autónomos, os soldos dos candidatos do PP que preocupan a Feijóo non son a preocupación dos galegos e galegas, e teríaos que pagar o PP, non a Xunta cos cartos de todos”, recalcou o Partido Socialista, e advertiu de que ninguén entende esta decisión neste momento. “Pon aos candidatos do PP na Xunta para seguir de campaña electoral en vez de centrarse no coronavirus”, reprochou.
Ademais, o PSdeG lembrou que a lexislatura remataba o 5 de abril, data na que estaban convocadas as eleccións, pero as circunstancias excepcionais derivaron nun consenso para o seu aprazamento, o que deu a Feijóo un “período extra” no que debera estar traballando para loitar contra o coronavirus. “Ten que centrarse no coronavirus e consensuar calquera outra decisión”, explicou, para deixar claro que “a Xunta non pode actuar en clave de PP colocando aos seus candidatos”.
“Os e as socialistas de Galicia permitimos a acción do presidente porque a nosa prioridade é o coronavirus, e seremos leais e responsables porque a saude é a nosa prioridade, pero estamos nunha situación extraordinaria porque non hai Parlamento e, polo tanto, isto é unha anomalía democrática na que Feijóo ten que limitar a súa acción á loita contra o virus e consensuar o resto de cuestións”, recalcou o Partido Socialista.