A parlamentaria Paloma Castro e o secretario de XSG, Xurxo Doval, trasladan o apoio ás manifestacións protagonizadas polos estudantes galegos contra o xenocidio perpetrado por Israel en Palestina
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, trasladou o respaldo dos socialistas galegos ao anuncio do recoñecemento do Estado palestino que fixo o presidente do goberno, co que España da “exemplo de país pacifista e comprometido cos dereitos humanos”. Así o dixo durante a visita á Universidade de Santiago xunto co responsable de Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, para trasladar o apoio aos estudantes acampados en protesta polo xenocidio contra o pobo palestino perpetrado por Israel.
Castro subliñou que grazas á decisión tomada polo presidente do goberno, “no futuro teremos a conciencia tranquila por ter estado no lado correcto da historia”, ao igual que as e os estudantes concentrados no campus universitario nunha mostra de manifestacións “valentes, lexítimas e un exemplo para toda a sociedade do compromiso da nosa mocidade”.
Subliñou que as peticións dos mozos e mozas, que reclaman o alto o fogo en Gaza, o recoñecendo do Estado palestino e o incremento das axudas humanitarias son “cuestións de xustiza e de coherencia”. Lembrou neste sentido as protestas protagonizadas tamén pola mocidade hai 20 anos contra a participación de España “nunha guerra que entendíamos ilexítima”.
O secretario xeral das XSG, Xurxo Doval, trasladou os parabéns das xuventudes socialistas á “valentía” amosada polos estudantes galegos ao amosar a súa solidariedade e apoio ao pobo palestino fronte ao ataque de Israel que produciu o asasinato de 12.000 nenos e nenas nos últimos meses. Reivindicou ademais o recoñecemento do Estado palestino anunciado hoxe polo goberno de España, que “historicamente chega tarde, pero por fin chega da man do PSOE”.