O parlamentario do grupo socialista Julio Torrado esixiu no Parlamento Galego que se cumpra, un ano despois da súa aprobación, o propio acordo da cámara para flexibilizar a normativa de pesca recreativa, denunciando que na actualidade a Xunta está a botar os problemas en riba dos concellos en ano de eleccións municipais, en zonas onde apenas hai gobernos do PP.
O representante socialista levou hoxe á Cámara Galega as reclamacións de boa parte dos concellos costeiros galegos, así como dos usuarios da pesca recreativa que observaron como a Xunta “entrou a un problema e cando viu que se lle complicaba intentou botar a responsabilidade a outros”, sendo neste caso os concellos e non o goberno do Estado o que recibe as culpas pola xestión do executivo autonómico, apuntou Torrado.
O asunto a tratar é que a Xunta aprobou limitacións á pesca recreativa das que houbo un consenso de que resultaron “excesivas”, tanto que incluso dende o propio PPdeG accederon á proposición socialista no Parlamento de “flexibilizar” a normativa.
Sen embargo, o deputado socialista trouxo de novo este asunto ao Parlamento debido a que o executivo galego segue sen cumprir o acordo un ano despois, sendo as entidades locais as que teñen que facerse cargo de executar unha normativa que a propia Xunta entende errada. Torrado quere apremar ao executivo galego a que actúe canto antes, xa que actualmente hai un gran descontento entre todos os colectivos afectados, dende pescadores ata os concellos.
Non é unha casualidade, dende o punto de vista do parlamentario do PSdeG, que esta atribución de competencias da Xunta aos concellos costeiros galegos se faga en ano de eleccións municipais, “non dan vostedes puntada sen fío”, sinaloulle á parlamentario do grupo popular. As entidades locais están asumindo o custo de controlar e sancionar sen a capacidade legal para elo, co risco de que se anularan posteriormente, todo isto, recordou sucede nas comarcas onde “o PP non ten un gran número de alcaldías”.
Julio Torrado apuntou directamente a Portos de Galicia, cualificando a esta institución como “a máis destrutiva para os concellos costeiros” da comunidade autónoma. Este organismo, que serve como contrapeso da maioría dos gobernos de esquerdas dos puntos neurálxicos do litoral galego, impoñendo as decisións cuxo custo asumen eles. Remarcou que o PP confunde o que é “falar cos alcaldes, con falar aos alcaldes” xa que para o socialista “a Xunta non escoita as demandas dos gobernos locais”.