A deputada Patricia Iglesias vén de rexistrar unha batería de iniciativas na Cámara galega “porque xa hai máis de 80 parques eólicos suspendidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, moitos deles por non cumprir cos requisitos de sustentabilidade ambiental”
A deputada do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, denunciou hoxe que Galicia vive “un auténtico caos eólico” como consecuencia directa da “ausencia dunha política de transición ecolóxica e industrial recoñecible” por parte da Xunta de Galicia, gobernada polo PP dende hai dezaseis anos.
Iglesias advertiu que xa hai máis de 80 parques eólicos suspendidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, moitos deles por non cumprir cos requisitos de sustentabilidade ambiental. “Isto sucede porque o goberno galego comezou a casa polo tellado”, explicou, lembrando que o Plan Sectorial Eólico segue sendo o do ano 1997. “Agora anuncian un novo plan que, con sorte, veremos no ano 2029”, engadiu.
A deputada socialista sinalou que as improvisacións son constantes e que a Xunta actúa “de costas á veciñanza, aos concellos e mesmo ao propio sector eólico”. Ademais, lembrou que esta mesma semana o TSXG ditou novas providencias que confirman suspensións por motivos medioambientais, e que a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre o parque do Campelo “non resolve nada, pois trata dun caso illado e dun aspecto procedemental sobre a fragmentación dos proxectos”.
Neste sentido, advertiu que para os e as socialistas “non vale dicir que non a todo nin xestionar sen planificación”. Defendeu que a enerxía eólica “é limpa e necesaria para a transición enerxética”, pero que debe implantarse con garantías xurídicas, respecto ambiental e participación social real.
Por iso, anunciou que o Grupo Socialista vén de rexistrar novas iniciativas no Parlamento para que o goberno galego dea explicacións urxentes e presente dunha vez unha folla de ruta seria, transparente e con futuro para Galicia.