A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo constata que Contas revela que a Xunta non executou a partida de 42,5 millóns de euros que se lle enviou do Fondo Compensación Interterritorial
A viceportavoz do grupo socialista no Parlamento de Galicia, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe que a Xunta deixou sen executar máis de 200 millóns de euros dos fondos covid, que se acabaron destinando a “cadrar contas” e amortizar a débeda pública xerada, en vez de reforzar a asistencia sanitaria nos momentos peores vividos durante a pandemia.
Rodríguez Rumbo compareceu en rolda de prensa este luns no Parlamento de Galicia para valorar os informes de fiscalización do Consello de Contas. Fixo fincapé no documento relativo aos fondos covid distribuídos polo goberno central para atender ás necesidades sanitarias fronte ao andazo do coronavirus no primeiro ano da pandemia, e denunciou que a Xunta deixou sen executar boa parte dos recursos que chegaron a Galicia para reforzar o sistema sanitario no 2020.
A representante socialista remarcou que, segundo Contas, se gastaron un total de 517 millóns de euros extra en sanidade en Galicia, mentres que o estado enviou 735 millóns. Coa conxuntura existente en 2020, a deputada socialista non entende que non se destinara “cada euro” a mellorar a atención sanitaria, con “decenas de persoas morrendo diariamente” nas UCI pola covid ou nas residencias de maiores.
A deputada recordou que cando o Estado asinou os acordos para o reparto dos fondos covid, o daquela presidente da Xunta e agora líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, criticaba todas as medidas adoptadas polo goberno de España e chegou a cualificar o pacto sobre os recursos adicionais como “político, non sanitario”.
FONDO DE COMPENSACIÓN INTERTERRITORIAL
Noutra orde de cousas, a viceportavoz dos socialistas tamén reprobou que o goberno galego deixara os recursos adicionais que recibe Galicia do Fondo de Compensación Interterritorial, tal e como reflicte o informe do Consello de Contas. De acordo con estes datos, a comunidade galega obtivo unha transferencia de 42,5 millóns de euros. “E executáronse cero euros”, sinalou Rodríguez Rumbo.
O Fondo de Compensación Interterritorial aplícase para redistribuír os cartos e que as comunidade “menos ricas” poidan ser compensadas polo maior peso económico doutras comunidades. A deputada socialista indicou que o propio feito de que Galicia reciba eses fondos é a constatación da necesidade da súa aplicación, xa que significa que é un das comunidades menos favorecidos polos demais mecanismos de redistribución para o desenvolvemento das súas infraestruturas.