Patricia Otero pídelle á Xunta que colabore co Ministerio para garantir o acordo de viabilidade e garanta o mantemento dos postos de traballo
A parlamentaria socialista da Mariña luguesa no Congreso, Patricia Otero, acusou a PP e BNG de “pactar a favor das empresas” no canto de defender aos traballadores da planta de Alcoa no concello de Cervo. Así o dixo logo do debate dunha proposta presentada polo PP na Comisión de Industria do Parlamento que apoiou o BNG “pensando só nas empresas e non nos traballadores”.
Otero presentou pola súa banda unha emenda a esta iniciativa para reclamarlle á Xunta que colabore co Ministerio para velar polo cumprimento do acordo de viabilidade aprobado polos traballadores, e acompañalos en todo o proceso “velando pola garantía dos seus dereitos e polo mantemento dos seus postos de traballo”.
Lamentou que o PP se negara a incorporar na súa iniciativa esta proposta na que a socialista galega tamén lle reclamaba ao Goberno central que continúe ampliando as axudas para os consumidores electrointensivos. Lembrou que esta liña de axudas busca asegurar a competitividade das empresas no mercado europeo en igualdade de condicións, incrementando a dotación orzamentaria dentro do límite do 25 por cento dos ingresos de dereitos de emisións de CO2.
A responsable socialista acusou ao portavoz do PP de provocar un “paripé para atacar ao goberno”, continuando coa súa “obsesión” da etapa que despregou como conselleiro de Industria en Galicia, onde “non lle preocupaba a súa xestión, nin a viabilidade de Alcoa, nin o emprego e os traballadores, senón atacar ao goberno central a calquera prezo”.
Afeoulle que non destine “nin unha sola liña aos traballadores” da empresa, obviando ademais o anuncio da participación doutra empresa no proxecto de Alcoa, poñéndose “sempre do lado da empresa” á que incita a abrir unha fronte xudicial e a “saquear o peto dos españois e dos galegos e galegas en lugar de defender aos traballadores”.
Lamentou que no único momento no que se lembra das persoas que traballan na planta sexa precisamente para cuestionar o acordo de ao que chegaron de forma lexítima para garantir a continuidade da actividade industrial. Reivindicou que os socialistas galegos “temos sido os únicos que apoiamos o acordo e a decisión dos traballadores dende o primeiro momento”, mentres o PP se preocupaba unicamente de sinalar ao Estado e eludir a responsabilidade da empresa.