A parlamentaria socialista Patricia Vilán reclamoulle hoxe ao goberno galego un Plan de Investimentos en Centros Residenciais para Maiores e Dependentes que afronte e elimine as graves deficiencias da Residencia do Maior de Pontevedra. Vilán presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria para esixirlle ao presidente da Xunta que cumpra co seu compromiso de facer unha nova Residencia pública na cidade.
Vilán lamentou que o goberno galego teña sinalado na Comisión de hoxe que “é inviable un sistema totalmente público” para as Residencias de Maiores de Galicia, como estaba a reclamarlle a portavoz socialista. A parlamentaria socialista esixíralle ao presidente da Xunta que cumpra co seu compromiso de “construír unha nova Residencia de Maiores pública na cidade con prazas públicas”.
Criticou ademais que a Consellería de Política Social teña agardado ata as eleccións municipais para remitirlle unha carta ao Concello para que poña a disposición da consellería terreos para facer unha nova Residencia. A parlamentaria pontevedresa lembrou que o compromiso data do ano 2017, cando o presidente da Xunta anunciou un novo centro residencial para maiores e dependentes en cada unha das grandes cidades de Galicia.
Vilán advertiu que o edificio situado no barrio de Campolongo, aberto no ano 1993, acumula unha escaseza de persoal “alarmante”, ademais de graves deficiencias nas instalacións. Sinalou que “requírense necesidades básicas e mínimas nos departamentos de Enfermaría, Cociña, Medicina, Fisioterapia, Psicoloxía e Terapia Ocupacional”. Reclamou por iso un Plan de Investimentos que “elimine as deficiencias nas instalacións e a escaseza de persoal”.