A parlamentaria socialista Leticia Gallego lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta do PSdeG para reclamarlle á Xunta que incorpore a ampliación do Ifevi, vital para a próxima feira Conxemar, aos orzamentos do goberno galego para 2021. Gallego defendeu esta proposición non de Lei na que sinala que o Concello ten tódolos trámites a punto e agarda por que o Executivo “deixe de demorar” as súas xestións.
Gallego criticou que o goberno galego “non ten o menor interese e demora os trámites todo o que pode” por canto “agora mesmo é a Xunta de Galicia a que debe axilizar os trámites para que o Concello de Vigo poña os terreos a disposición e comece as obras canto antes”. Lembrou que a Xerencia de Urbanismo informou o pasado martes sobre o financiamento do proxecto público de urxencia, e o goberno prevé unha retención de crédito de 182.000 euros para as expropiacións.
Neste momento é a Xunta quen ten que aprobar o proxecto, proceder á declaración de prevalencia do interese da ampliación e aprobar a urxente ocupación dos terreos, polo que “o Concello non pode facer nada sen que a Xunta aprobe con urxencia a ocupación dos terreos para que a administración local os expropie”.
Gallego criticou que o PP presentara unha emenda apuntando á disposición dos terreos por parte do Concello cando a realidade é, explicou, que “o Concello ten todo preparado para expropiar pero depende de que a Xunta declare a prevalencia e a urxente ocupación dos terreos”.
Reclamoulle á Xunta que “faga o seu traballo e deixe de demorar esta cuestión tan urxente para unha das feiras máis importantes do mundo” sacando a concurso a obra “en mes e medio, para que as obras comecen en febreiro”, con tempo suficiente para ter todo listo na feira Conxemar do próximo outubro. Sinalou que “a Xunta de Galicia ten agora menos dun ano para facilitarlle a Conxemar o seu crecemento para que siga a ser unha feira de referencia a nivel mundial”.
A propia organización da feira “sinalou en repetidas ocasións a importancia da ampliación do Ifevi e que estea lista para a edición do próximo ano, para responder á demanda existente”, dixo Gallego, ou do contrario “as empresas interesadas poderían xirar cara á Seafood de Barcelona”, a principal competidora da feira viguesa.