A deputada socialista Noela Blanco lamentou hoxe o veto do PP a unha iniciativa socialista para implantar Hemodinámica 24 horas no Hospital Universitario de Ourense este mesmo ano. Blanco presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para rematar coa discriminación sanitaria da provincia, a única de Galicia na que non hai este servizo.
Blanco sinalou que “esta é a quinta ocasión na que o PP rexeita unha iniciativa socialista para implantar o servizo de Hemodinámica 24 horas en Ourense” e denunciou que “vivir ou morrer non pode depender do Código Postal”. Criticou que “en Ourense, tanto o alcalde como o Presidente da Deputación son cómplices necesarios da marxinación á que o señor Feijóo ten sometida a Ourense”.
Aludiu neste sentido ás críticas do rexedor ourensá a esta iniciativa, e preguntou “onde se viu que un alcalde critique unha iniciativa que vai mellorar as posibilidades de supervivencia dos seus veciños e veciñas”.
Blanco lembrou que “a implementación do servizo de Hemodinámica en Ourense foi aprobada polo goberno de Touriño” e freada por Feijóo, que obriga aos ourensás a ter infartos en horario de oficina, porque do contrario teñen que trasladarse a Vigo, reducindo as posibilidades de supervivencia.
Igualdade de condicións
A deputada socialista considera que o servizo constitúe “un avance na vida dos ourensáns” e acusou ao PP de “negarlle aos ourensáns e ourensás os mesmos servizos sanitarios nas mesmas condicións que o resto de galegos e galegas”. Subliñou que “se trata de xustiza, da defensa dunha sanidade pública e universal baseada nos principios de equidade”.
Blanco advertiu que o servizo “evita complicacións nos síndromes coronarios agudos, diminúe a incidencia de patoloxías cardiovasculares, e diminúe a mortalidade por este tipo de lesións”. Por outra parte, continúa, “os ourensáns e ourensás están obrigados a padecer horas de retraso no tratamento porque teñen que ser trasladados ata Vigo nos momentos máis importantes para o tratamento deste tipo de patoloxías”.
A parlamentaria ourensá tamén achegou que “en Ourense lideramos a taxa de mortalidade de infarto por 100.000 habitantes cun 59,7 por cento, o que supón vinte puntos máis que a media estatal, tres veces máis con respecto da Coruña e Pontevedra”. Ademais, dixo, “somos a segunda provincia que máis tarda en tratar a crise coronaria desde o contacto co médico ata a apertura da arteria, cun total de 169 minutos, 50 máis que en Coruña e Pontevedra”.
A deputada socialista tamén parabenizou “á veciñanza, colectivos e asociacións de Lugo, por ter loitado con dignidade para que o Lucus Augusti tivera un servizo de hemodinámica 24H” polo que agora loita Ourense. Blanco tamén di sentirse “orgullosa por todos os ourensáns e ourensás que se desprazaron ata Santiago para reclamar os seus dereitos e preservar o legado de Ernest Lluch, mentres outros foron a Colon a exaltar o da Falange”.