A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, criticou o veto do PP a unha moción socialista para pedirlle á Xunta un Plan Galego de Transición ás enerxías Limpas. A responsable socialista advertiu que o PP e o goberno galego “queren ser verdes, pero limítanse a facer xardinería”, sinalando o seu pírrico compromiso na loita contra a crise climática.
Vilán sinalou que segundo as previsións científicas, como o caso do Informe de Cambio Climático de Galicia 2012-2015, avalado pola Consellería de Medio Ambiente, alertan de que Galicia será unha das zonas europeas máis castigadas polos seus efectos. Así, a meirande parte de Galicia rexistrará incrementos de 2 a 3 graos de temperatura, aumentarán as noites cálidas, así como o déficit de precipitacións e a duración dos períodos secos consecutivos.
Malia estas previsións preocupantes, dixo, o goberno galego actúa “como Polonia”, situando a política enerxética “ao servizo da política industrial”, e Medio Ambiente defende a competibilidade do desenvolvemento económico vía carbón coa sostibilidade e a neutralidade climática. Apuntou que mentres a estratexia de cambio climático da UE require unha redución de emisións dun 55 por cento, Galicia limítase a un 24,6 por cento sendo unha das 5 autonomías que máis contaminan.
Ademais, mentres Europa require que no ano 2020 a porcentaxe de reciclaxe separada nos residuos urbanos aumente ata o 50 por cento, Galicia situábase nun escaso 15 por cento no ano 2017.
Iniciativa
Vilán lamenta que a escasa mentalidade medioambiental do PP e do goberno galego os leven a rexeitar esta iniciativa que incluía un plan galego de transición ás enerxías limpas “como marco estratéxico que estableza as liñas de acción e os camiños para a transformación do noso sistema enerxético”. Reclamaba que incluíra alternativas para a produción de enerxía a partir de fontes diferentes ao carbón e solucións compensatorias para unha transición ecolóxica xusta.
Os socialistas galegos pedían hoxe incluír, como pide a Comisión Europea, garantías para asegurar que o novo Fondo de Transición Xusta chegue tamén a aquelas partes do territorio onde a actividade relacionada co carbón ten data límite. Ademais, reivindica o acceso universal á enerxía limpa “mediante programas especiais para persoas en situación de pobreza enerxética”.
A proposta socialista incluía ademais asumir o acordo do Parlamento Europeo para situar a redución das emisións de CO2 nun 55 por cento no ano 2030, acadando entón unha economía neutra de carbono. Ademais, pediu un estudo para o aseguramento dos efectos orixinados pola crise climática nas perdas derivadas de fenómenos meteorolóxicos, que terán incidencia sobre todo no agro, así como aplicar de forma real e efectiva o principio de “quen contamina paga”.