Juan Carlos Francisco ve “imprescindible” a creación deste organismo para “darlle un enfoque democrático” e acadar “transparencia e participación social”
O PP veta a creación dunha axencia galega de avaliación independente das políticas públicas da Xunta. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Economía do Parlamento, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista para instar ao goberno galego a crear este organismo, do que xa dispoñen outras comunidades autónomas como Euskadi ou Navarra e mesmo o goberno de España.
O voceiro de Economía Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, lamentou a negativa do Grupo Popular, cando existen recomendacións de organismos internacionais da Unión Europea neste senso e o propio Comité de Expertos Económicos de Galicia, que funciona como órgano asesor do goberno galego, urxiu a súa creación.
“Este instrumento é absolutamente positivo e cumpriría coa necesidade de cotexar e comprobar a asignación dos fondos públicos da Xunta aos diferentes proxectos e programas”, aseverou o socialista, quen subliñou a importancia desta axencia para gañar en “eficacia e eficiencia” na xestión pública.
Neste senso, incidiu en que este organismo “é imprescindible” para contribuír a “darlle un enfoque democrático” e acadar “transparencia e participación social”, tendo en conta que a sociedade “debe coñecer en que se empregan os cartos públicos” e “ese obxectivo non se cumpre a través dos departamentos que ten agora mesmo a Xunta”.
“O que nós pretendemos é que haxa un organismo independente do poder político da Xunta de Galicia”, concluíu, circunstancia que “non se cumpre coas ferramentas actuais de fiscalización, auditoría ou seguimento das que dispón o goberno galego”.