Julio Torrado alerta da “Galicia a dúas velocidades” que ofrece a ruptura do convenio e censura que a Xunta pretendese ofrecer o servizo á cidadanía a costa dos e das profesionais: “a Xunta invita, pero pagan os ópticos”
O voceiro socialista insta á Xunta a fortalecer o sistema, defender ao usuario e respectar aos profesionais de óptica
O PP rexeitou renovar o convenio do Sergas co Colexio Oficial de Ópticos e Optometristas para ofrecer avaliacións da vista á cidadanía. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento logo de votar en contra dunha iniciativa do Grupo Socialista neste senso.
“O Sergas non pode agora ofrecer un servizo á cidadanía que antes daba porque quere que os establecementos privados llo fagan gratis”, censurou o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista quen lembrou que dende 2007 o Colexio de Ópticos ofrecía estas avaliacións de xeito gratuíto para a cidadanía e tamén para o Sergas, xa que eran os propios profesionais quen asumían o custe do servizo.
“Ao principio estaba ben”, sinalou Torrado, xa que “favorecía da difusión necesaria do seu labor” e “establecía unha canle de vinculación do usuario co establecemento”, pero no ano 2020 o Colexio decidiu renunciar ao convenio por decisión da súa asemblea ao ver que a Xunta non consideraba ningunha mellora para tratar de atender as demandas do colectivo.
Ao fío disto, o responsable socialista instou ao goberno galego a fortalecer o sistema, defender ao usuario e respectar aos profesionais de óptica.
“ROMPESE A EQUIDADE ASISTENCIAL”
Coa ruptura do convenio co Colexio son agora os establecementos individualmente quen se adhiren ao mesmo e, ante esta circunstancia, alertou Torrado camiñase cara unha “Galicia a dúas velocidades”, xa que existe unha quebra no acceso a este servizo por parte da cidadanía e “onde antes existían máis de 600 establecementos adheridos, agora non chegan a dous centenares”.
“Isto provoca que se rompa a equidade asistencial, xa que existen poboacións que non dispoñen desta posibilidade e tamén provoca que o propio sistema público estea provocando un desequilibrio competitivo entre empresas ao recomendar aos seus pacientes unha e outras non”, lamentou.
Neste senso, o voceiro socialista censurou que o goberno galego pretenda ofrecer un servizo a costa dos profesionais. “É marabilloso para a Xunta”, sinalou, xa que “a Xunta invita, pero pagan os profesionais”. “Se a Xunta ten derivado un servizo, polo menos que o pague”, sentenciou.
Por todo isto, o responsable socialista instou ao goberno galego a realizar un novo convenio que “mellore as condicións previas” e permita “darlle a toda a cidadanía en igualdade de oportunidades este servizo”. Así a todo, destacou, “o obxectivo último é que o servizo se inclúa dentro do catálogo de servizos so Sergas” de xeito progresivo ao igual que xa fan algunhas comunidades autónomas como Comunidade Valenciana ou Baleares.