O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao PP de ter votado en contra do mantemento das 6 rutas de transporte escolar de Folgoso do Courel, contradicindo a petición do propio concello, gobernado por este mesmo partido político. Álvarez presentou unha proposición non de Lei no Parlamento para manter os vehículos de 9 prazas en 6 rutas como están na actualidade.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de forzar o deseño das rutas para suprimir dúas e incrementar o número de alumnos por cada bus, o que obriga a contratar vehículos de 10 a 24 prazas, moito máis voluminosos e inadecuados para estradas de montaña con xeadas frecuentes no inverno.
Álvarez explicou que, coa nova planificación prevista pola Xunta, “a ruta dende Romeor ata o CPI Uxío Novoneyra prevé algo tan irracional como que o alumnado de Romeor, a escasos 12 qm e 20 minutos do centro, ten que empregar unha ruta de máis de 33 qm e 54 minutos”. Esta ruta, que triplica o tempo de transporte, obriga a “viaxar dende Romeor a Pedrafita, de aí volver a Seoane e dende aí ao centro escolar”.
Autónomos
Explicou que a nova planificación exclúe aos taxistas autónomos que estaban a prestar o servizo de minibus. Sinalou que se trata de “seis autónomos que posiblemente verán imposibilitada a continuidade do seu traballo ao perder os ingresos derivados do transporte escolar, xa que non poden acceder á adxudicación nos termos previstos nos pregos do contrato”.
Ademais, a perda destes postos de traballo e da forma devida para seis familias “suporá tamén un golpe máis para esta zona da provincia de Lugo”, que quedará sen o servizo “que tamén lles prestan á poboación envellecida, asentada de forma dispersa e sen medios propios de transporte pero si con necesidades de desprazamento”. Criticou que esta forma de actuar “amosa a falla de compromiso incongruente coa suposta aposta polo medio rural por parte da Xunta”.