Leticia Gallego acusa a Rueda de “volver a enganar aos vigueses e viguesas” logo de terse comprometido en Conxemar a levar adiante a obra
A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, lamentou hoxe que o PP teña rexeitado a proposta socialista para reclamarlle á Xunta que levara adiante a ampliación do Ifevi. A responsable socialista presentou esta iniciativa na Comisión de Industria do Parlamento, onde acusou ao presidente da Xunta de “volver enganar aos vigueses e viguesas”.
A responsable socialista lembrou o compromiso adquirido polo presidente da Xunta de levar adiante a dita ampliación, tal e como asegurou na inauguración da feira de Conxemar deste ano, pero que agora é desmentido, dixo, polo voto en contra do PP. Criticou a oposición institucional do presidente da Xunta contra Vigo e a petición reiterada do propio alcalde de Vigo de poñer en marcha unha ampliación fundamental para a continuidade de Conxemar na cidade.
Gallego reclamoulle á Xunta que incluíra a ampliación nos Orzamentos do próximo ano, que actualmente están en trámite parlamentario, ademais dun acordo co Concello e o Ifevi onde figuren tanto os prazos da obra como o seu orzamento.
Advertiu que o mantemento de Conxemar en Vigo, “fronte aos intentos de levar a feita a outras cidades”, resulta “vital” para economía desta cidade, da súa comarca e de toda Galicia polo que representa o sector da Pesca. Urxiu a iniciar de inmediato cos trámites para ter rematada a obra para o certame de 2025, habilitando máis espazos para “máis expositores e máis visitantes” a esta feira dos conxelados do mar que é referencia en Europa e está entre as catro do mundo.
A parlamentaria socialista explicou que a feira, que o pasado mes de outubro rematou a súa XXIV edición con 27.000 visitantes de 110 países, un 3 por cento máis que no ano anterior, “necesita crecer, e para iso necesita unha nova ampliación do Ifevi”.
Advertiu que a propia conselleira de Infraestruturas se comprometera en maio de 2021 a iniciar a ampliación co obxectivo de tela rematada en setembro daquel ano, pero dous anos despois nin sequera a teñen proxectada. Gallego lembrou que a anterior ampliación fora realizada despois de que o Concello “forzara” á Xunta a facer a obra para permitir a continuidade de Conxemar na cidade.