A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, chamou á Xunta a “superar a visión reducionisa e estreita” do termalismo para encetar un Plan Estratéxico que abranga ás catro provincias galegas. Gallego presentou unha proposición non de Lei neste sentido en Comisión parlamentaria que foi rexeitada polo PP, negándose a colaborar cos concellos termais e coas deputacións para desenvolver o sector.
Sinalou que “para a Xunta de Galicia só existe unha provincia termal”, renunciando a renovar a oferta e o impulso de novos proxectos termais, como poden ser, dixo, a área termal da Tafona, en Caldas de Reis, o balneario municipal de Catoira, ou o balneario de Pontecaldelas. Reclamou “colaborar, cooperar e coordinarse cos concellos e deputacións para desenvolver proxectos nas catro provincias” e para que o turismo termal “non quede fora dos orzamentos da Xunta”.
A responsable socialista sinala que “Galicia ten un liderado indiscutible no ámbito do termalismo, pero ata agora o goberno do PP apenas tivo conciencia diso”, renunciando a proxectar a oferta cara fora e a aproveitar o potencial termal das catro provincias como “estratexia de desenvolvemento económico, creación de emprego e crecemento turístico sostible”.
Gallego chamou a aproveitar o reforzo do turismo sanitario para impulsar a oferta balnearia galega, a maior de España, e empregalo como “unha forma de desestacionalizar o turismo galego, co obxectivo de acadar unha distribución equilibrada de visitantes ao longo do ano e cunha mellor distribución xeográfica en todo o territorio”.
Afeoulle ao PP que rexeitara esta proposta coa que reclamaba un plan estratéxico que avance “moito máis do que levan feito ata o momento”, dotando ao sector dunha visión estratéxica dos obxectivos, os plans de acción e definindo estratexias, con previsións, marco temporal e recursos específicos.
Liñas de traballo
Gallego debullou as liñas de traballo para o impulso da oferta termal, que pasa pola creación de novos produtos turísticos, ampliación e mellora da oferta termal e turística das vilas termais, ou a protección dos acuíferos termais como recursos naturais.
Engadiu a mellora e protección dos parques termais, o impulso da I+D+i neste ámbito, a creación dunha marca e promoción conxunta das vilas termais, e o desenvolvemento de programas de termalismo orientados a segmentos de poboación concretos.