Luís Álvarez denuncia como “lamentable que se negue a un Parlamento, que ten a obriga de controlar o funcionamento dun goberno, desta información”
Critica a “falla de transparencia” e de garantías no reparto das partidas orzamentarias ás que destinou o “gasto educativo”
O responsable de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, criticou que o PP rexeitase informar sobre o destino dos 92 millóns de euros dos Fondos Covid-19 para Educación que recibiu a Xunta por parte do Estado. Fíxoo logo de que o PP rexeitara unha proposición non de Lei socialista para urxir ao goberno galego a clarexar cantos cartos dedicou exclusivamente a “gasto educativo”, e especificar as partidas destinadas a centros públicos e concertados.
“Esta iniciativa non debería ser necesaria, xa que dada a excepcionalidade da situación, un goberno cunha mínima transparencia, explicaría a que destinan os cartos”, aseverou. Así, denunciou como “lamentable que se negue a un Parlamento, que ten a obriga de controlar o funcionamento dun goberno, desta información”.
Neste senso, lembrou que os reitores das universidades galegas, durante as súas comparecencias na Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia, “dixeron que descoñecían se as transferencias extraordinarias recibidas para a adaptación á covid proveñían ou non dos Fondos Covid-19”, o que supón “unha incerteza innecesaria”.
O responsable socialista destacou que o Ministerio de Educación e Formación Profesional, “respectando a capacidade dos gobernos das comunidades autónomas, fixo fincapé en que os Fondos Covid-19 correspondentes ao tramo 3”, dotados con máis de 2.000 millóns de euros en todo o Estado, dos que 92 millóns lle corresponderon a Galicia, tiñan “como finalidade os gastos educativos, poñendo como exemplo a contratación de profesorado, a habilitación de novos espazos ou outras necesidades ás que se debe facer fronte”.
Pese a estas consideracións, Álvarez lamentou que “o presidente da Xunta pediu liberdade para dedicar eses fondos ao que considerase o propio goberno galego, argumentando, segundo saíu publicado nalgúns medios, que son ‘maiores de idade’ para decidir a que programas destinar ditos fondos”. Neste marco, o responsable socialista instou á Consellería de Educación a explicar “que cantidade dedicou exclusivamente a gasto educativo; cantos profesores se contrataron; ou canto diñeiro se destinou a centros públicos e canto a centros concertados”.
Por último, Álvarez puxo en valor esta “medida excepcional” tomada polo goberno do Estado, quen considerou “o papel excepcionalmente relevante que desempeñan as comunidades autónomas na prestación de servizos públicos como a educación” á hora de dotar a partida de educación dos Fondos Covid-19.