Noelia Otero denuncia os “discursos de odio” contra o colectivo LGTBT “que está a sementar” a dereita e a extremadereita e alerta de que estes “quedan reflectidos tamén no entorno laboral”
O PP vén de rexeitar abordar a discriminación cara ao colectivo LGTBI no eido laboral. Fíxoo, hoxe, no pleno do Parlamento onde votou en contra dunha moción do PSdeG para instar á Xunta a incentivar, a través de mesas de diálogo social con sindicatos e asociacións empresariais, a introdución de plans de igualdade específicos nesta materia.
A voceira de LGTBI do Grupo Socialista, Noelia Otero, cualificou esta medida como “indispensable” para evitar que a “inmensa maioría” de traballadores e traballadores LGTBI se atopen cunha “problemática intolerable” como a que vén de visibilizar o último informe de UXT ao alertar que Galicia está “entre as tres comunidades onde a percepción da discriminación no ámbito laboral é máis alta”.
Segundo estes datos, o 96% das persoas LGTBI en Galicia consideran un “inconveniente” a súa condición á hora de atopar traballo e o 91% das galegas e galegos considera necesario ocultar a súa orientación sexual.
Ante estas circunstancias, sinalou Otero, “o goberno galego está na obriga e ten a responsabilidade de actuar e facelo, ademais, con présa”, xa que isto “deriva en moitas ocasións en que, por ocultar a súa condición, as e os traballadores LGTBI renuncian a dereitos laborais básicos que o resto de traballadores e traballadoras nin se cuestionan” como, por exemplo, os permisos de maternidade ou paternidade.
Neste sentido, a socialista insistiu na “necesidade” de desenvolver “en toda a súa extensión” a lei galega pola igualdade e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais do ano 2014, así como “dar actividade, contido, recursos e orzamentos” ao Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero.
NON AOS “DISCURSOS DO ODIO”
Ao fío disto, a portavoz socialista denunciou os “discursos de odio” contra o colectivo LGTBI “que están a sementar” a dereita e a ultradereita cando ademais “quedan reflectidos no entorno laboral”. “Isto non é unha cuestión de consideracións, como di Ayuso, senón que en xogo hai moito máis: falamos de democracia, tolerancia e dereitos humanos. Non xoguen á equidistancia”, concluíu.