Patricia Otero lamenta que a Mariña é “a única gran área pesqueira do noroeste español sen ensinanzas náutico pesqueiras” e cando “é indubidable a necesidade da formación para combater a falla de remuda xeracional”
O PP vén de rexeitar a iniciativa socialista para implantar na Mariña lucense, no vindeiro curso académico, ciclos formativos da familia náutico-pesqueira para formar a patróns de litoral e outros mecánicos navais. Ocorreu hoxe, na Comisión de Pesca do Parlamento, onde o PP votou en contra dunha proposición non de lei do PSdeG neste sentido.
A voceira de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reivindicou a necesidade de implantar estas ensinanzas na Mariña, xa que Burela e Celeiro contan “con dúas das principais lonxas europeas” que “xuntas moven case o 26% da facturación e o 23% dos peixes e mariscos frescos de Galicia”, acadando 423 millóns de quilos e 1.258 millóns de euros nos últimos dez anos.
“A pesar destas cifras, na comarca non se poden formar patróns de litoral e outros mecanismos navais, co que os traballadores e traballadoras da Mariña teñen que se desprazar para facer esta formación a outras comarcas cos inconvenientes e dificultades que isto implica”, denunciou a responsable socialista quen tamén lamentou que isto supón que a Mariña é “a única gran área pesqueira do noroeste español sen ensinanzas náutico-pesqueiras”.
Por todo isto, Otero urxiu a “necesidade” de impartir estes ciclos na Mariña, tendo en conta ademais que “faltan mandos para os barcos” tanto no Celeiro como en Burela e esta situación “podería verse agravada aínda máis nos próximos anos polas inminentes xubilacións”. “É indubidable a necesidade de formación para combater a falla de remuda xeracional”, sinalou a socialista tras asegurar que esta demanda é amparada polo propio sector no Celeiro.
Por último, Otero censurou a posición “incoherente” do PP ao presentar unha emenda de substitución a esta proposición non de lei, rexeitada polo PSdeG, ao tempo que votou en contra das emendas dos grupos parlamentarios aos orzamentos da Xunta de 2022 neste sentido, que si implicaban un “compromiso orzamentario” coa formación náutico-pesqueira na Mariña. “Está ben a literatura das emendas, pero o compromiso son os cartos”, concluíu.