Begoña Rodríguez Rumbo censura que a Xunta só destine 1,5 millóns de euros para este fin “cando ten competencias” fronte aos 6 millóns de euros que achega a Deputación da Coruña só para concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes
O PP vén de rexeitar a iniciativa socialista para incrementar a contía consignada pola Xunta para o fomento do emprego ata 8,5 millóns de euros. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Economía do Parlamento, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista neste senso.
A responsable socialista pediu ao goberno galego que habilite a cantidade de 8,5 millóns de euros a mellorar a empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e que esta se poida ampliar ata os 10 millóns. Así, Rodríguez Rumbo denunciou que os 1,5 millóns de euros que actualmente o goberno galego destina a este fin son “completamente insuficientes”.
Fronte a esta cantidade “irrisoria”, sinalou, a Deputación da Coruña, “que non ten competencias específicas en materia de emprego”, dedica 6 millóns de euros a mellora da empregabilidade en municipios da súa provincia con menos de 20.000 habitantes.
Rodríguez Rumbo lamentou a delicada situación que está a vivir Galicia con respecto ao emprego e destacou que, segundo os datos do IGE, no primeiro trimestre de 2021 con respecto ao mesmo trimestre de 2009, “temos 108.7000 persoas ocupadas menos”. Así, lamentou que, avaliando os datos previos á pandemia, comparando o 4º trimestre de 2019 co mesmo trimestre de 2009, “en Galicia tamén había menos ocupados, en concreto 46.200 persoas ocupadas menos”.
Ademais, comparando o número de fogares con todos os membros en paro entre os dous trimestres sinalados, dez anos despois e co goberno de Feijóo “había 2.500 fogares máis” con todos os seus membros sen traballo. Todo isto supón, sinalou, “que antes da pandemia a empregabilidade en Galicia xa era un drama”.
Nesta mesma liña, Rodríguez Rumbo lamentou que a pandemia estea agravando esta situación ao coñecer que no primeiro trimestre de 2021, Galicia ten “51.000 fogares con todos os seus membros en paro e 31.000 fogares sen ningún ingreso”.
OUTRO “PROBLEMA IMPORTANTE”: A SANGRÍA DEMOGRÁFICA
“A todo isto hai que unirlle un problema importante: a sangría demográfica. Nestes 11 anos de goberno do PP, temos perdido case 102.000 persoas en Galicia; no último ano, 7.500”, lamentou Rodríguez Rumbo. Ante esta crise demográfica, destacou, “ou buscamos unha solución ou cada vez seremos menos e máis envellecidos”.
Ao fío disto, Rodríguez Rumbo amosou un artigo do 9 de maio de 2021 do xornal La Voz de Galicia que asegura que “só en 8 concellos de Galicia se cotiza máis do que se recibe en prestacións” cando “en Galicia, os traballadores só cobren dous de cada tres euros de pensións e subsidios”.
“Se a Seguridade Social non funcionase co criterio de caixa única, e con unha importante inxección de fondos procedentes de los Orzamentos Xerais do Estado, fai tempo que Galicia tería graves problemas para pagar pensións, xa que as cotizacións sociais dos ocupados non cobren, nin de lonxe, o desembolso que hai que facer cada mes para pagar a nómina de xubilados, viúvas ou persoas cunha incapacidade para traballar”, subliñou a socialista lendo o artigo en cuestión.
Finalmente, Rodríguez rumbo cualificou o emprego como “un dos grandes fracasos do goberno de Feijóo”. Así, incidiu, “a Xunta de Galicia non está en situación de dar ningunha clase de emprego. Teñen que tomar medidas urxentes” neste ámbito, concluíu.