Paloma Castro chama ao goberno galego a ampliar, no eido das competencias que lle son propias, as “medidas de apoio” para resolver a eventual sobrecarga de traballo dos xulgados
O PP vén de rexeitar unha iniciativa socialista para urxir á Xunta que demande ao Executivo central a creación dun novo xulgado de primeira instancia en Vigo. Á proposición non de lei, presentada pola voceira de Xustiza do PSdeG na Cámara galega, Paloma Castro, incorporouse unha emenda do BNG e recibiu o voto desfavorable do Partido Popular.
“Os xulgados de primeira instancia do partido xudicial de Vigo están vivindo unha sobrecarga de litixios”, alertou a socialista quen subliñou o “incremento progresivo” vivido nos últimos meses cando remataron 2020 con algo máis de 17.000 procedementos rexistrados, sumando asuntos e execucións. “Este volume de procedementos atópase moi por riba dos parámetros establecidos polo CGPJ para cada xulgado”, incidiu.
Neste marco, a dirixente socialista urxiu a Xunta que demande ao goberno central que, dentro do futuro proxecto de creación de novas unidades, inclúa a creación dun novo xulgado de primeira instancia en Vigo. Ademais, chamou ao goberno galego ampliar, no eido das competencias que lle son propias, as “medidas de apoio” que a Comisión Mixta estime adecuadas “para resolver a eventual sobrecarga de traballo”.
Ao fío disto, Castro puxo en valor o “claro compromiso” coa Xustiza por parte do Executivo central que aprobou nos anos 2020 e 2021 plans de actuación co fin de aliviar a acumulación de litixios xudiciais, entre as que se contemplaban unha serie de medidas estruturais como a creación de novas unidades xudiciais.
Fronte a isto, a socialista criticou a falla de apoio do PP a esta iniciativa e urxiu ao goberno galego a “acompañar” a nova Cidade da Xustiza de Vigo cunha “adecuación” do número de xulgados deste partido xudicial ás necesidade existentes, así como a “colaborar na adaptación da contorna” dos novos xulgados, tal e como pediu xa o PSdeG en diversas ocasións.
“A xustiza ten que estar á altura da cidadanía e ao servizo do Estado de dereito”, reivindicou a socialista quen pediu a Xunta e Ministerio “vontade política” e “unha aposta por dotar á Xustiza dos medios materiais e persoais necesarios acordes co volume de traballo existente”.