A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta para pedirlle a Política Social que retome as valoracións do grao de discapacidade de forma presencial. Ortega reclamou parar coa diminución do grao de discapacidade logo de valoracións telemáticas, o que deriva na redución das prestacións destas persoas, e pediu a revisión dos expedientes que derivaron na diminución do grao de discapacidade.
A parlamentaria socialista dixo que esta decisión é “o máis lóxico e xusto neste momento” e considerou “difícil de explicar” por parte do PP que teñan impedido “algo tan lóxico”. Situou este veto na mesma deriva, dixo, da negativa do PP ás propostas de evacuacións de maiores en residencias con covid, a un plan contra a soidade non desexada ou a establecer un protocolo para axudar ás persoas maiores que teñen que utilizar a banca dixital.
Reclamou que “de xeito inmediato, e con tódalas precaucións e cumprindo a normativa sanitaria, débense retomar as valoracións presenciais por parte dos Equipos de Valoración e Orientación –EVO- da Xunta”. Sinala que “tense que dar de xeito presencial con tódalas garantías” porque, preguntou, “como valorar as capacidades básicas da vida diaria ou unha discapacidade visual por teléfono?”.
Advertiu que “isto está acontecendo en Galicia: están resolvendo expedientes con diminución de grao tras valoracións telefónicas”, ata o punto de que o 15,62 por cento dos expedientes reduciron o grao de dependencia. Preguntou “como é posible acudir a tomar algo, facer reunións de non convivintes, ir ao ximnasio ou ao cine e non poder recibir o recoñecemento de valoración do grao de discapacidade de xeito presencial”.
Marina Ortega reclamoulle ao goberno galego que apoie aos profesionais dos EVO, que “fan ben o seu traballo, pero baixo as ordes dun goberno que os obriga a escoitar e tragar as queixas polas inxustizas derivadas das decisións irresponsables que está a tomar a Xunta nesta materia”.
Redución das prestacións
Explicou que o goberno galego está a realizar estas valoracións telefónicas en gran medida dende o inicio da pandemia, reducindo garantías sobre un proceso de valoración “longo e duro, e que deriva directamente en “dereitos e prestacións” das persoas. Dixo que “o feito de alcanzar un 33 ou un 65 por cento, determinará o acceso a unha serie de prestacións fiscais, laborais, económicas, educativas ou sociais”.
Reclamou que “paren esta inxustiza e optimicen as valoracións” e chamou ao “sentidiño” para apoiar a “estas persoas que xóganse moito”. O Grupo Socialista reclamou retomar a totalidade da presencialidade nas valoracións sempre que sexa posible, ademais de revisar de oficio aqueles expedientes que viron reducida a porcentaxe do grao de discapacidade baixo criterios de valoracións telemáticas”.