A parlamentaria socialista Patricia Vilán reclamoulle hoxe ao goberno galego a retirada do transformador eléctrico de baixa tensión situado dende os anos 80 dentro do CEIP Barcelos de Pontevedra, a un metro escaso da aula de música. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación celebrada hoxe no Parlamento, e que foi rexeitada polo PP.
Vilán alerta do risco que provoca ter instalado dentro da escola, á que asisten nenos e nenas de 3 a 12 anos, dunha instalación pola que transcorre a electricidade da propia escola, o aparcadoiro da praza, e os comercios e vivendas da zona. Malia que a empresa eléctrica sinala que fora revisado en 2018, o transformador ardeu o pasado decembro por un curtocircuito que provocou a caída da electricidade en toda a mazá e o desaloxo do colexio.
A pesares desta incidencia e da insistencia da Anpa para reclamar a retirada da instalación, comezou o curso 2019-2020 e o transformador segue no mesmo sitio, xa que a pesares de que a retirada foi orzamentada polo Concello, Naturgy –antes Unión Fenosa- non fixo o proxecto técnico e “do Goberno galego nada sabemos”.
Patricia Vilán reclamoulle hoxe á Xunta que lle demande á compañía eléctrica a reubicación do transformador e unha proposta de novo emprazamento, de maneira que “como moi tarde sexa retirado do centro escolar antes do remate do presente curso escolar”.