O Parlamento aproba parcialmente a proposta presentada por Noa Díaz para pedirlle á Xunta un informe da execución do Pacto de Estado contra a Violencia Machista en Galicia
O Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do PSdeG ratificando o compromiso político contra a violencia machista e reclamándolle á Xunta que presente un informe da execución do Pacto de Estado contra a Violencia Machista en Galicia. A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, lamentou que o PP retirara do acordo o incremento da educación afectivo – sexual no ensino e unha campaña contra a violencia sexual dirixida á mocidade.
A proposta, que fora debatida onte, foi aprobada parcialmente na votación que tivo lugar hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia. O PP pediu votar a iniciativa por puntos para así rexeitar tanto o reforzo da presenza da educación afectivo – sexual nos currículos de Primaria, Secundaria e Bacharelato, como a posta en marcha dunha campaña dirixida á mocidade e con especial incidencia na pornografía que o Grupo Socialista lle pedía á Xunta para o primeiro semestre de 2023.
Tampouco aceptaron pedirlle ao Observatorio Galego de Violencia de Xénero que avalíe a situación actual e propoña novas medidas dirixidas á prevención e erradicación da violencia machista, así como accións no ámbito educativo.
O compromiso do PP limitouse hoxe a ratificar o compromiso contra a violencia machista e en defensa dos dereitos das mulleres e “contra calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue esa violencia ou rexeite as políticas públicas enfocadas á súa total erradicación”. Os grupos parlamentarios tamén acordaron dar o seu respaldo á actualización do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no Congreso e o Senado.
A iniciativa aprobada hoxe inclúe, ademais de pedirlle á Xunta que entregue un informe sobre a execución das medidas do Pacto de Estado en Galicia, que poña en marcha durante o próximo ano os sete centros de crise para vítimas de violencia sexual. Noa Díaz sinalou que estes centros permitirán que as mulleres vítimas poidan contar cunha atención integral sen necesidade de que medie unha denuncia.
A parlamentaria socialista emprazou ao PP, no debate celebrado onte, a “deixar de empregar a violencia machista como arma de confrontación”, e instou aos grupos parlamentarios a “dar exemplo” para que o Parlamento sexa “a voz do pobo galego, que di non a estas violencias, que se pon de fronte e traballa man a man para erradicalas”. Reivindicou “accións contundentes e non berros e crispación nun asunto que debera ser prioritario”.
Noa Díaz urxiu a “posicionarnos fronte a forzas negacionistas dunha violencia que é a forma máis extrema na que se mostra a desigualdade entre homes e mulleres” porque, engadiu, as violencias machistas son “unha realidade que quebra o dereito á igualdade, á liberdade, á seguridade e á dignidade”, ademais de que “pon en cuestión a calidade democrática do noso país”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“1º – O Parlamento de Galicia:
2º – O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a: