Paloma Castro acusa ao PP de incumprir a Lei de Memoria ao negarse a apoiar no Parlamento unha proposta para constituír o Consello da Memoria Democrática de Galicia
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe que o PP teña abrazado hoxe no Parlamento as teses do negacionismo franquista ao negar que a Illa de San Simón fora un campo de concentración e de exterminio entre os anos 1936 e 1943. Castro lamentou as afirmacións do deputado do PP Ferro Iglesias, que fixo estas afirmacións no debate dunha iniciativa socialista para reclamar a constitución do Consello da Memoria Democrática de Galicia.
A responsable socialista acusou ao PP de actuar tamén en Galicia como “cómplice necesario da ultradereita” no seu “ataque indiscriminado contra os valores democráticos e á convivencia política”, chegando a situarse en contra dunha verdade histórica, como é o uso da Illa de San Simón como campo de concentración polo franquismo.
Criticou a interpretación parcial, sesgada e selectiva da historia por parte dos deputados e deputadas do PP, que logo de que a vicepresidenta do Parlamento pedira no Pleno no pasado mes de decembro a retirada da alusión a Franco como ditador por parte da socialista Lara Méndez, hoxe negan a represión franquista. Criticou as “continuas incongruencias e inexactitudes” deliberadas que os levaron a negar que houbera fusilamentos no enclave de San Simón.
A intervención tivo lugar logo da alusión de Castro ao anuncio por parte do goberno central da declaración da Illa de San Simón e o Pazo de Meirás como Lugares de Memoria Democrática. Explicou que a Illa de San Simón constitúe un “lugar de necesario recoñecemento para a reparación da memoria das persoas -e as súas familias- encerradas inxustamente no enclave, no que foron sometidas a tortura e trato inhumano”.
Aludiu así ao seu uso como campo de concentración e de exterminio entre os anos 1936 e 1943 mentres sinalou que o Pazo de Meirás “representa a expropiación a un pobo e o autoritarismo, onde se tomaron decisións durante as temporadas nas que residía alí o ditador” que, logo da súa apropiación a través dunha colecta forzosa en 1938, decidiu fixar nel a súa residencia veraniega.
Paloma Castro lembrou que o Estado recuperou a propiedade do inmoble no ano 2020, logo de anos de loita veciñal e do movemento memorialista e co impulso dos gobernos dirixidos por presidentes socialistas.
Iniciativa socialista
Castro fixo esta intervención durante o debate dunha proposición non de Lei na primeira Comisión do ano no Parlamento para pedirlle á Xunta a creación do Consello da Memoria Democrática de Galicia, seguindo a Lei de Memoria aprobada en outubro de 2022, e que foi rexeitado polo PP.
Castro acusou ao PP galego de boicotear o cumprimento da Lei e deixar a Galicia á marxe das recomendacións do Consello de Europa para fomentar o coñecemento das etapas democráticas da historia e manter a memoria das vítimas do golpe militar, a guerra civil e a ditadura franquista. Lamentou que sexa precisamente o partido do goberno o que “está a impedir o consenso dos partidos que defendemos vivir en liberdade e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas”.
A responsable socialista acusou ao PP de “alimentar” á ultradereita que “ao seu paso arrasa tódolos avances acadados en democracia, que impón a súa moral e non respecta ao diferente”, e advertiu do risco certo de que no proceso “sexan devorados por ela”. Considera “imprescindible” que os poderes públicos, a través das administracións estatal, autonómica e local “leven a cabo políticas públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e o fomento da memoria democrática”.
Paloma Castro explicou que o Consello da Memoria terá a función de garantir a participación dos axentes sociais nas políticas de recuperación da memoria e apoio aos descendentes das vítimas, propoñendo medidas de axuda e apoio ás entidades implicadas. Tamén poderá emitir un informe sobre propostas de inscrición no Inventario de Lugares de Memoria Democrática, así como informar das solicitudes para a localización e exhumación de vítimas e a creación dun censo de vítimas.
Criticou a “incoherencia” do PP ao opoñerse á creación deste órgano a nivel autonómico cando concellos como Pontedeume, Narón, A Coruña, Neda ou Ferrol, algún deles presidido por este mesmo partido, están a constituír os consellos de memoria recoñecidos pola Lei. Instou a constituír este Consello como un órgano “colexiado, permanente, de participación e de carácter técnico e consultivo, con representación plural adscrito á Consellería da Presidencia”.