Carmen R. Dacosta denuncia “cifras totalmente inasumibles” de esperas no centro, que duplica a media de Galicia en consultas e dispárase moi por riba da media nas especialidades, cirurxía e probas diagnósticas
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou ao PP de “xogar coa saúde das persoas” ao negarse a poñer en marcha un plan de choque dirixido a reducir a lista de espera no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que se atopa moi por riba do resto de Galicia. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei que levou hoxe á Comisión de Sanidade do Parlamento, pero que o PP rexeitou.
Dacosta alertou fronte as “cifras totalmente inasumibles” nas listas de espera neste centro, que chega a duplicar ao resto de Galicia no caso das consultas, xa que se os galegos teñen que agardar 71,6 días de media, esta cifra, xa de por si intolerable, en Ourense chega aos 141,8 días. Advertiu que esta situación, provocada por anos de recortes do PP, está detrás da cronificación de doenzas, provocando unha situación “dramática” mentres o goberno galego segue a “botar balóns fora”.
A responsable socialista reclamou unha actuación global para mellorar as listas de espera partindo dun plan específico nas consultas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que está a rexistrar datos alarmantes no caso das consultas por especialidades. Aludiu así aos 300 días de espera para Rehabilitación, os 147 de Oftalmoloxía, os 34 para Traumatoloxía ou os 61,3 días de espera para Psiquiatría.
Tamén reclamou unha actuación contundente no caso das esperas para cirurxías, que ascende aos 88,9 días no CHUO, moi por riba dos 72 días de espera media de Galicia, con casos límite como Neuroloxía -que ascende aos 154 días-, Uroloxía -96,3-, Xinecoloxía -94,6 días, ou Traumatoloxía -92,2-.
A parlamentaria ourensá acusou ao goberno galego de agochar os datos reais das esperas dos galegos e galegas, que “son moito maiores das que a Xunta de Galicia pretende recoñecer, xa que comezan a contabilizar no momento en que se marca a cita na axenda sanitaria, pero non dende que é solicitada”. Advertiu que “para buscar unha solución a esta falta de atención sanitaria, o primeiro que hai que facer é terminar coa opacidade e a falta de transparencia do goberno galego”.
Explicou que “soamente coñecendo as esperas reais, e coñecendo onde están os problemas poderase avaliar e planificar unha saída, aínda que todos sabemos que os problemas teñen que ver maioritariamente coa súa deficiente xestión dos recursos humanos sanitarios, que manteñen en pé o servizo a costa da súa implicación e do seu sobreesforzo”.