A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Teresa Porritt, acusou hoxe ao PP de utilizar o trámite da Lei de Acompañamento para introducir emendas a leis alleas ao debate, tal e como fixera no debate de Orzamentos de 2019. Na súa intervención do debate en Comisión da dita Lei, lembrou que esta actuación suscitou un recurso dos socialistas diante do Tribunal Constitucional, aínda pendente de resolución.
A parlamentaria socialista abriu a porta a repetir a denuncia diante do máximo tribunal polo uso presuntamente irregular deste debate por parte do PP para modificar leis que nin sequera foran incluídas polo goberno galego na Lei de Acompañamento. Explicou que desta forma están a vulnerar os dereitos e as garantías dos grupos parlamentarios, que sen ven imposibilitados de “emendar as emendas do PP” e polo tanto participar do debate.
Esta situación redunda o uso espurio por parte do goberno galego e do PP, dixo, dunha norma que “poderá ser un procedemento legal, pero provoca unha fraude parlamentaria”, xa que é utilizada para modificar leis que non teñen que ver cos Orzamentos da Xunta. Explicou que o goberno galego “pon enriba da mesa improvisación e inseguridade xurídica” cunha “forma de lexislar” que altera ata 30 leis logo dunha lexislatura na que tan só tramitaron 15 leis.
Porritt sinalou a falla de autocrítica do PP e do goberno galego, que tan só aceptou unha emenda do Grupo Socialista, subsumiu outras dúas e transaccionou 3 máis, en total 6 emendas das 119 que presentaron os socialistas galegos, que presentaron 49 dirixidas a mellorar as condicións dos empregados públicos.
A responsable socialista criticou o modelo tributario defendido polo PP no seu proxecto de Orzamentos, centrado no “desleixo de funcións e a lexislación para unha minoría da poboación”, con beneficios fiscais para unicamente o 1 por cento de “superricos” galegos que viron como a súa riqueza medraba un 500 por cen nos últimos anos. Mentres, dixo, “a cidadanía séntese explotada e que somos as rendas do traballo as que mantemos o sistema”.
Teresa Porritt reivindicou unha “imprescindible reforma fiscal en profundidade” fronte ao modelo defendido polo PP no que “non existe xustiza nin igualdade social”, no que as sociedades cuns beneficios de máis de 25 millóns de euros tributan menos do 1 por cento mentres hai máis de un millón de galegos e galegas en risco de exclusión.
Sinalou algunhas das emendas do grupo socialista dirixidas a acadar unha maior progresividade fiscal –que pague máis quen máis recursos ten- na busca dunha redistribución da riqueza máis eficaz, así como impedir o transvase de fondos de aforro ao Patrimonio ou ligar os beneficios fiscais á base impoñible, tendo en conta toda a situación familiar.
Tamén apuntou á ampliación das deducións autonómicas por alugueiro para beneficiar ás persoas en desemprego que teñan que mudarse de Concello, así como os contribuíntes cunha discapacidade igual ou superior ao 35 por cento. Tamén reclamou aplicarlle un gravame reducido do imposto de Transmisións Patrimoniais ás mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan que mudarse de casa.