Paloma Castro replícalle ao PP que “claro que é cuestión de cores, porque os que van de cor verde negan a violencia machista”
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe ao PP que rectifique o seu “erro terrible” de focalizar a campaña do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en cuestionar o sistema VioGen de protección ás vítimas. Advertiu que o sistema “si que funciona” para protexer ás vítimas que dan o difícil paso de ir ao xulgado e remachou: “denunciar é o paso, denunciar salva vidas”.
A responsable socialista esixiulle ao PP e ao goberno galego que “rectifiquen nesta deriva irresponsable” que iniciou o pasado martes a conselleira de Igualdade no Pleno do Parlamento e continuou hoxe a secretaria xeral do PPdeG de “acusar ao sistema xudicial e policial que cada día protexe e salva a milleiros de vítimas en Galicia”.
Esixiulles unha desculpa ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que “traballan a reo 24 horas ao día os 365 días do ano para protexer”, así como a un sistema xudicial altamente eficaz, cun VioGen que está a ser mellorado “día a día” e que constitúe a principal ferramenta das vítimas en canto deciden denunciar.
Paloma Castro replicoulle ademais ao lema do PP para o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller sinalando que “claro que é cuestión de cores, porque os que van de cor verde negan a violencia machista”.