A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control á CRTVG, Noa Díaz, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao PP e ao Goberno galego que desbloqueen o nomeamento do director xeral da CRTVG por maioría parlamentaria, tal e como figura na Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual.
A responsable socialista lembra que o Goberno galego leva 9 anos incumprindo a Lei Autonómica ao impedirlle ao Lexislativo que cumpra co seu cometido de escoller ao responsable do ente autonómico. A responsable socialista sinala que o cargo leva sendo ocupado por Sánchez Izquierdo dende maio de 2009 sen que fora sometido a elección pola Cámara.
A súa designación debera terse producido seis meses despois da aprobación da normativa, que tivo lugar en novembro de 2011, “pero é que tampouco se someteu a elección en 2015, cando se anovou o Consello de Administración”.
Díaz sinala que “121 Venres Negros despois, sen a creación do Consello de Informativos da CRTVG e a aprobación do Estatuto Profesional, o ente público seque sen dar cumprimento a unha Lei que garanta a imparcialidade e a transparencia, cercenando así á vez o dereito de tódolos galegos e galegas a unha información veraz”.