Carmen Dacosta tilda de “hipócrita” ao PP, que saúda ás familias afectadas mentres intenta “menoscabar” á Plataforma e vota en contra dun CAPD de xestión pública co que discriminan a Ourense
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta denunciou a “hipocrisía” do PP, que saudou ás familias que están a pedir que o Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade de Ourense -CAPD- sexa de xestión pública mentres está a dinamitar á Plataforma ProCAPD que os representa. Así o dixo no debate dunha iniciativa do Grupo Socialista no Pleno do Parlamento incorporando as peticións das familias e que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista acusou ao PP e ao goberno galego de traer a Galicia “a peor política” que representa o xefe de Gabinete da presidenta de Madrid, Díaz Ayuso, para agardar ao momento no que externalizan a licitación da xestión do centro para facer público o historial xudicial dun ex portavoz da Plataforma. Lembrou que esta persoa traballaba para a Xunta como educador infantil cando tivera sido condenado por abusos a unha menor a finais dos anos 90, sen que fixeran nada.
A parlamentaria ourensá acusou ao PP de intentar “menoscabar” á Plataforma xusto no momento no que esta iniciativa chega ao Parlamento e tratar de desviar a atención do seu voto en contra e da súa decisión de externalizar a xestión do centro. Criticou que con esta decisión “gaña Rueda” porque, subliñou, “son negocios” do PP para continuar marxinando a Ourense, a única provincia galega sen un centro destas características cen por cen público.
Dacosta lembrou o título da coñecida canción do grupo de rock ourensán Los Suaves para resumir as “malas noticias” que supón a decisión do goberno galego para os pais e nais da Plataforma, para as persoas con discapacidade de Ourense e para toda a provincia. Aludiu á decisión do goberno galego de reservar a xestión do centro para “unha empresa ou Fundación” e así “beneficiar sempre aos mesmos”
A responsable socialista saudou aos representantes da Plataforma que acudiron a seguir o debate no Parlamento, aos que trasladou o seu apoio logo de anos reivindicando un CAPD público de xestión pública nos que a conselleira de Política Social “non foi quen de recibilos nin de darlles solucións”.
Lembrou o compromiso do goberno galego para construír un centro público de xestión directa, tal e como figuraba tamén no acordo de 2016 no que as organizacións políticas asinaron o compromiso de dotar a Ourense dunhas instalacións “dignas e adaptadas ás necesidades” das persoas dependentes que rematan a vida escolar e a partir dos 21 anos precisan dunha atención “como mínimo igual á das demais provincias galegas”.