Noelia Otero censura o recorte en “dimensións, servizos e persoal” por parte da Xunta, así como os “permanentes atrasos” dunha “infraestrutura eternizada como promesa e anuncio no tempo”
A deputada viguesa esixe á Consellería de Sanidade que manteña o número de facultativos anunciados e “comprometa” o servizo de pediatría
O PP aplaudiu hoxe a redución de persoal e servizos no Centro de Saúde de Bouzas que se inaugurará a próxima semana. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento tras votar en contra dunha iniciativa do Grupo Socialista para instar ao goberno galego a manter o número de facultativos anunciados e comprometer o servizo de pediatría.
A deputada viguesa Noelia Otero lamentou que, despois dos “permanentes atrasos” nunha “infraestrutura eternizada como promesa e anuncio no tempo”, o Centro de Saúde de Bouzas abra cun recorte en “dimensións, servizos e persoal”.
Así, malia que saudou que esta infraestrutura “abra ao fin”, a responsable socialista censurou que esta abra “mermada e recortada nos servizos comprometidos” polo conselleiro de Sanidade que anunciara un centro con tres facultativos de mañá e tres de tarde e sen servizo de pediatría.
“Na vila de Bouzas viven 5.500 persoas”, destacou Otero, polo que a falla do servizo de pediatría implicará que os nenos e nenas do barrio terán que ser atendidos no Centro de Saúde de Navia que se atopa “saturado” e con listas de espera “de tres ou catro semanas”. “Como vai atender un centro de saúde colapsado aos nenos e nenas de Bouzas que se adscriban?”, alertou a socialista.
Nesta liña, Otero lamentou a situación que está a vivir a sanidade pública e, especificamente, a Atención Primaria na área de Vigo cando “máis de 20.000 persoas denunciaron a situación de colaspo” nunha manifestación nas rúas da cidade semana pasada.
“FALSOS PRAZOS” DE APERTURA
Por último, a deputada viguesa lamentou a “incerteza”, “desinformación” e “desconfianza” xerada polo goberno galego con respecto ao centro de saúde. “Non se entende a necesidade de dar falsas expecttivas”, sentenciou.
“Os veciños din que en medio desta incerteza, non queren pedir o traslado a Bouzas ata ver como funciona”, lamentou, xa que ao longo destes dous últimos anos “as veciñas e veciños asistiron a innumerables visitas de responsables da Xunta que, un tras outro, foron dando falsos prazos sobre a apertura da infraestrutura e cambiando á baixa as previsións de persoal e de cupo”, sinalou Otero.
“Xa que tiveron que agardar máis dunha década, que teñan un servizo en condicións”, concluíu a responsable socialista.