O Ministro do PP recibía con antelación información privilexiada de actuacións xudiciais contra os socialistas
O secretario de organización do PSdG-PSOE, Luis Ángel Lago, sostén que as filtracións que recibía o Partido Popular “reforzan a proposta que fixo Besteiro a Rueda para afrontar a rexeneración democrática en Galicia e en España”.
O PSdeG solicitará personarse, a través do PSOE, como acusación na causa que o Xulgado de Instrución número 2 de Tarragona leva a cabo contra o ex ministro de Facenda do Partido Popular Cristóbal Montoro. O secretario de Organización, Luis Ángel Lago, explicou hoxe que a raíz da publicación de partes da investigación xudicial a través dos medios de comunicación a pasada fin de semana, e “dada a gravidade dos feitos difundidos e consultado cos servizos xurídicos”, o “Partido Socialista de Galicia ten intención de tomar parte, a través do PSOE, no procedemento contra Montoro e a súa policía patriótica no Ministerio de Facenda”.
Lago destacou que nas pezas aparecidas na prensa “constátase que o Goberno de Rajoy recibía chivatazos previos sobre actuacións xudiciais contra o líder do Partido Socialista en Galicia, Besteiro, e contra o alcalde socialista de Lugo, Orozco” e lembrou que ambos “foron vítimas dunha longa persecución xudicial que os apartou inxustamente da política a pesar de ser inocentes”. “Tanto é así, que cómpre lembrar que a xuíza responsable, Pilar de Lara, foi sancionada polas súas condutas nestas instrucións irregulares”, engadiu.
Segundo as información publicadas, o Goberno de Rajoy sabía previamente cando se ían levar a cabo rexistros contra a Deputación e o Concello de Lugo, ambas institucións, gobernadas polos socialistas. “Isto é gravísimo. Sabíao a pesar de estar a causa baixo segredo de sumario. Sabíao aínda que vulnerar o segredo de sumario sexa un delicto en España. Pero o PP sabíao todo”, subliñou o secretario de Organización, que, ademais, ve necesario “aclarar se Rueda e Feijóo sabían algo”. “Casos coma este non deberían ocorrer nun Estado democrático”, concluíu Luis Lago.