A Comisión de Política Institucional do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para recoñecer a honorabilidade “da institución da Masonería”. A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou esta iniciativa para lembrar a memoria desta organización e da súa persecución polo franquismo.
A iniciativa aprobada hoxe, transaccionada cunha proposta do PP, sinala o “dereito dos seus membros a defender os seus ideais” recoñecendo “os dereitos de liberdade de conciencia e pensamento”. A responsable socialista sinalou o “esquecemento” ao que este partido político someteu á Masonería na conmemoración do Día Oficial da Memoria do Holocausto e a Prevención dos Crimes contra a Humanidade, organizado polo Senado.
Si que foron lembrados sen embargo polo presidente da Federación de Comunidades Xudías de España, Isaac Qerub, quen falou naquel acto rendendo homenaxe póstumo tamén dos masóns. Lembrou que, a diferenza do Senado, onde o PP ten maioría, outras institucións, como o Parlamento das Illas Baleares, teñen “normalizado a presenza Gran Logia de España nos seus actos de lembranza”.
Vilán vencellou este “esquecemento” con que “recordar que a Masonería foi vítima do Holocausto obrigaría a analizar serenamente a nosa historia”, e a súa persecución polo nacionalcatolicismo español, que a vencellou ao judaísmo internacional. A parlamentaria socialista lembrou a proposta socialista aprobada no Congreso pedindo “a anulación de todas as sentenzas e condenas ditadas no franquismo polo Tribunal da Represión da Masonería e o Comunismo”.
Sinalou a resistencia do PP a recoñecer ás vítimas do franquismo e a súa oposición a todo o que teña que ver coa recuperación da Memoria Histórica, que coincide estes días, lembrou, coa polémica pola intervención da senadora “popular” Esther Muñoz, reprochando o investimento de 15 millóns de euros para “desenterrar unos huesos”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
–“O Parlamento acorda recoñecer e declarar a honorabilidade da institución da Masonería e apoiar o dereito dos seus membros a defender os seus ideais no marco dun ordenamento democrático que, como o español, ampare o exercicio dos dereitos de liberdade de conciencia e pensamento, un obxectivo que debería estenderse a todos os países do mundo”.