A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista, transaccionada cos grupos parlamentarios, para pedirlle á Xunta que colabore co Adif para levar o 5G ao rural galego. A portavoz de Comercio, Turismo e I+D+i do Grupo Socialista, Leticia Gallego, chamou a aproveitar a infraestrutura e a disposición do administrador ferroviario para “catalizar a transformación dixital” da Galicia interior.
Gallego pediulle á Xunta “lealdade” para aproveitar as sinerxias entre Xunta e Adif, logo de que o xestor ferroviario anunciara un plan para que os operadores poidan empregar a súa rede, con máis de 16.000 quilómetros de fibra óptica, para conectarse e proporcionar internet de máxima velocidade a boa parte das zonas rurais. Sinalou a urxencia de desempregar unha estratexia dixital propia de Galicia para levar o 5G ao rural e “nos faga estar á cabeza”.
A responsable socialista explicou que esta iniciativa do Adif “pode ser unha boa contribución para fixar poboación en certos lugares da xeografía galega e levar a tecnoloxía 5G ao rural da nosa Comunidade Autónoma”.
Sinalou que o Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia quedou lonxe dos obxectivos marcados pola Axencia Dixital para Europa, que fixaba un mínimo de 30 Mbps para a totalidade da poboación, impulsando ademais unha cobertura por riba dos 100 Mbps nos fogares galegos. Hoxe, máis de 357.000 galegos e galegas –o 13,2 por cento da poboación- apenas poden obter unha conexión a 2 Mbps.
Acusou ao goberno galego de “botarlle a culpa aos demais”, sinalando ao goberno de España, cando “a realidade é que Galicia foi a Comunidade Autónoma que máis axudas recibiu neste apartado nos anos 2018 e 2019”, con 25,33 e 25 millóns de euros, respectivamente, 2 millóns de euros por enriba da seguinte, que foi Andalucía.
Alertou de que “a Galicia do futuro ou é dixital ou non existe”, e urxiu ao goberno galego a “apostar por unha liña de emprendemento que atraia fondos europeos para a dixitalización”, e colabore co goberno de España para levar adiante “unha transformación dixital que impulse o emprego, o desenvolvemento da industria e a revitalización da economía”.
Dixo que “a dixitalización debera ser unha das prioridades políticas da Xunta durante esta Lexislatura e ter como finalidade acadar unha Galicia adaptada á era dixital, capacitando ás persoas cunha nova xeración de tecnoloxías”.
– Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a colaborar con Adif para levar e mellorar a conexión 5G no rural da nosa Comunidade Autónoma, así como solicitar do Goberno de España as seguintes actuacións: