A Comisión de Política Institucional do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que “faga os deberes en materia de deportes”. O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, alertou do “desleixo” demostrado polo goberno galego nesta materia, que é competencia directa do presidente da Xunta.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de utilizar a crise económica “como escusa” para esquivar as súas obrigas en materia de deporte, entre elas a elaboración do Plan Xeral de Instalacións e Equipamentos Deportivos, obrigado pola Lei do Deporte que foi aprobada en 2012. A iniciativa foi transaccionada cunha proposta do PP, para pedir un censo de infraestruturas e equipamentos deportivos de Galicia como paso previo á redacción do Plan.
Díaz Villoslada apuntou que o acordo de hoxe “delata a situación de incumprimento da Lei do Deporte e os deberes non feitos” por parte do goberno galego, máis ocupado polos continuos relevos á fronte da Secretaría Xeral do Deporte, que vén de cambiar de novo ao seu titular, o que “fai moi difícil, se non imposible, levar adiante calquera planificación”.
Sinalou que “van alá máis de sete anos dende que é unha obriga legal en Galicia e seguimos como o primeiro día, sen a planificación de instalacións e equipamentos deportivos por parte do goberno galego”.
Aludiu ao “catálogo de demandas e peticións” por parte dos diferentes concellos e Federacións Deportivas, que se acumulan ás portas da Secretaría Xeral do Deporte mentres o PP e o goberno galego levan 3 anos rexeitando ampliar os investimentos en materia de Deportes nos Orzamentos da Xunta.
Liñas estratéxicas
O responsable socialista explicou ademais que o anteproxecto de Lei do Deporte, que vén de ser aprobado no consello de Ministros, marca as “liñas estratéxicas” da “nova visión do deporte na sociedade actual”. Este texto “recolle a promoción do deporte en igualdade de oportunidades e o deporte inclusivo como eixos das políticas de promoción e defensa das actividades deportivas” dende as institucións.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a axilizar os trámites para que o censo de infraestruturas e equipamentos deportivos de Galicia sexa pronto unha realidade, avanzando despois, en coordinación coas deputacións provinciais e os concellos de Galicia, na redacción dun Plan xeral de instalacións e equipamentos deportivos de Galicia, do que se deberá informar oportunamente ao Parlamento de Galicia”.