Eduardo Ojea advirte que a demanda de vivenda de promoción pública en alugueiro triplica á oferta disposta polo goberno galego
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que execute tódolos fondos dispoñibles para vivenda de promoción pública, sinaladamente en réxime de alugueiro. O portavoz de Vivenda, Eduardo Ojea, presentou esta iniciativa na que alerta da baixa execución por parte do goberno galego, que só executou o 3,4 por cento do programa de acceso á vivenda.
Ojea considera “fundamental que a Xunta avance na execución” dos fondos dispoñibles, dos que dependen novos investimentos, sinalou que “o Executivo autonómico ten todas as competencias neste ámbito” segundo o Estatuto de Autonomía, polo que “é a súa obriga dar solucións reais ante a grande dificultade para acceder ao alugueiro en Galicia”.
O responsable socialista advertiu do escaso interese do goberno galego pola vivenda de promoción pública, que pasou de construír 11.602 vivendas durante o goberno presidido polo socialista Touriño ás apenas 633 rematadas entre 2015 e 2021. Neste momento, advertiu, hai máis de 15.000 demandantes de vivenda de promoción pública, o triplo da oferta dispoñible polo goberno galego.
Advertiu que as familias con menos ingresos rexistran “cada vez máis dificultades para acceder a unha vivenda”, mentres os prezos dispáranse, aumentando máis dun 35 por cento dende 2015 nas sete grandes cidades galegas.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“1. O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que execute todos os orzamentos que ten propios e procedentes do Plan estatal de acceso á vivenda 2022/2025 e dos fondos europeos para a construción de vivendas destinadas ao alugueiro.