Julio Torrado acusou ao PP de falsear datos e “intentar trampear” a iniciativa cunha emenda na que se pedía incrementar o persoal sen subir o orzamento
A Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista para pedirlle ao goberno galego que aumente a dotación orzamentaria do Intecmar co obxectivo de elevar o número de investigadores e investigadoras nesas instalacións.
O parlamentario Julio Torrado Torrado defendeu hoxe esta iniciativa na que se recollía unha “reivindicación clara do propio centro” e que lle foi trasladada a un grupo de deputadas e deputadas do Parlamento galego durante unha visita realizada o pasado mes de xaneiro ao Intecmar. Polo tanto, con esta proposta tratábase de “darlle sentido a aquela visita cunha demanda absolutamente lóxica, que é difícil non compartir e que nós asumimos”.
Malia que finalmente votou a favor, o PP chegou a “intentar trampear” a iniciativa do PSdeG presentando unha emenda na que se pedía aumentar o persoal pero sen incrementar o orzamento. Tras expresar a súa “sorpresa” por unha proposta que cualificou de “oxímoro fabuloso”, Julio Torrado preguntou “como se fai iso”. “Como lles pagamos”, ironizou, “facendo un crowdfunding ou vanlles pagar en mexillóns?”.
Asemade, o deputado socialista acusou ao PP de falsear os datos para xustificar a súa emenda -que non foi aceptada- xa que dende as filas populares chegouse a asegurar que xa había un aumento de persoal previsto para este ano. Para desmontar esta afirmación, Torrado evidenciou que o anexo de persoal para o Intecmar para 2022 recolle 53 prazas, exactamente as mesmas que no ano 2021.
Por iso, alertou de que “contar o contrario significa que ou ben o que se di aquí é mentira ou ben que os orzamentos que se presentan no Parlamento son mentira”. “Eu espero que a segunda non o sexa, polo respecto que lle teño ás institucións”, afirmou. En calquera caso, “todo o que se ten dito aquí”, aseverou, “é unha milonga obscena: ou se vota a favor ou non se está de acordo, pero non cuspan sobre este Parlamento”.
En paralelo, o deputado do PSdeG tamén demandou “estabilidade” para o persoal investigador, posto que “é un elemento clave no avance investigador” e, a día de hoxe, constitúe “un dos seus grandes problemas tanto no sector público como no privado”. Nun escenario de “contratos precarios e sen condicións aceptables”, Julio Torrado alertou de que “a falta de perspectivas de estabilidade é demoledora para a calidade dos investigadores” e incidiu en que “as súas condicións laborais supoñen incluso un impedimento á hora de optar a proxectos autonómicos, estatais e europeos”.
De maneira complementaria, Julio Torrado reclamou “respecto” para un centro que “foi utilizado politicamente e de maneira torticeira” pola Xunta de Galicia. Puxo como exemplo os múltiples anuncios para convertelo nun laboratorio europeo cunha solicitude “que se ía presentar en Europa e que non se presentou nunca” e que, cando supostamente se fixo, “presentouse na porta que non era”.
Fronte a isto, na súa intervención, o parlamentario socialista defendeu unha posición política que esixa un maior investimento en persoal, algo que “para nada supón unha esaxeración” porque a investigación “ten que ser renovada e actualizada permanentemente”.
Advertiu que “todo o que non sexa avanzar en termos de I+D+i é retroceder” xa que o mantemento “non existe” e “o coñecemento non circula se non hai quen o desenvolva”. Neste contexto, laiouse dos “paupérrimos datos” de investimento en I+D+i do goberno galego, que “non chega ao 1 por cento do PIB” e con 135 millóns de euros dos orzamentos públicos non utilizados polo goberno de Feijoo dende o ano 2016.
Por iso, esta medida “contribuiría a ter maiores capacidades para seguir na excelencia do rendemento” neste centro de investigación sobre o sector do mar e que “conta cunha posición internacional moi referente” e “con investigadores de moita calidade”.