Carmen Rodríguez Dacosta criticou que o PP, cando chegou ao Goberno no 2009, “eliminou todas as políticas de igualdade no emprego postas en pé polo bipartito”
A portavoz de Emprego sinalou que Galicia padece a segunda peor taxa de actividade feminina do Estado e que o 73 % dos contratos a tempo parcial son de mulleres
A voceira de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe á Xunta o desenvolvemento de políticas que favorezan a incorporación das mulleres ao traballo en condicións de calidade. A través dunha proposición non de lei, aprobada por unanimidade, reclamou que o Goberno galego poña en marcha medidas dirixidas a eliminar a brecha de xénero nos centros de traballo, cun “obxectivo prioritario e irrenunciable”, como é a igualdade.
O acordo insta ao Executivo autonómico a promover cuestións tales como o incremento da inserción e a permanencia laboral de determinados grupos de mulleres con dificultades específicas, o impulso da contratación nas mesmas condicións que as dos homes ou a adopción dunha perspectiva de xénero en ámbitos coma o dos coidados.
A deputada socialista lembrou que cando o PP chegou ao Goberno no 2009 “eliminou todas as políticas de igualdade no emprego postas en pé polo bipartito”, e cualificou de “escandaloso” que nas últimas dúas décadas a fenda entre as pensións das mulleres e dos homes en Galicia pasou de 188 euros a 489.
Tamén recordou a proposición non de lei do Grupo Socialista debatida en marzo do 2002 “instando a crear un observatorio de seguimento” sobre as medidas autonómicas para a igualdade laboral. “Pero non foi aprobada alegando que non era preciso gastar recursos públicos nun organismo cuxo obxectivo se podía acadar coa estrutura actual”, explicou. Os datos son a comprobación de que “eses obxectivos non foron alcanzados nin de lonxe con esa estrutura da que facían gala”, que vén de modificarse, remarcou, para incluir a Dirección Xeral de Igualdade na Consellería de Política Social.
Rodríguez Dacosta apoiou esas afirmacións en datos como o de poboación activa: 35.600 mulleres menos que homes, para a segunda peor taxa de actividade feminina de todo o Estado. Tamén no do paro, con 7.100 mulleres máis e unha brecha de 7,9 puntos porcentuais respecto dos homes. En canto á calidade dos empregos, os indicadores tamén sinalan na mesma dirección: un 30,5 % menos de traballadoras na industria (o sector mellor remunerado), só un 29,6 % de mulleres en postos de dirección e xerencia ou un 73 % dos contratos a tempo parcial ocupados por mulleres.
A diferenza das políticas populares, subliñou Dacosta, a Consellería de Emprego do bipartito botou a andar proxectos como o Plan Aurora, que “incorporaba como principio reitor a igualdade de oportunidades, propiciando a adopción de medidas que fomentaban a conciliación da vida persoal e familiar e velaban pola incorporación ao ámbito laboral das mulleres en situación de vulnerabilidade”. Destacou daquel Goberno, ademais, iniciativas como as diferentes subvencións ás empresas pola contratación feminina, o impulso das inspeccións ou o incremento da formación destinada a sectores onde as mulleres estaban infrarrepresentadas, algúns deles, con mellores salarios, como o da industria.
Ante a petición de que a Xunta do PP puxera en marcha programas nesa liña, “votaban en contra”, criticou a voceira socialista de Emprego, que sinalou que “non foi ata o 20 de novembro do ano pasado cando caeron do cabalo e nunhas xornadas celebradas na Coruña a entón secretaria xeral de Igualdade explicaba que ían pór en marcha iniciativas para impulsar a presencia de mulleres en sectores masculinizados”. “Por fin. Quince anos tardaron”, dixo Rodríguez Dacosta.
Esta é a iniciativa aprobada hoxe:
O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
1. Promover políticas de emprego que impulsen a incorporación das mulleres ao traballo, en condicións de calidade para poder alcanzar a igualdade efectiva entre mulleres e homes.
2. Mellorar as políticas activas de emprego e, en especial, as dirixidas ao incremento da inserción e permanencia laboral de determinados grupos de mulleres con dificultades específicas, maiores de 45 anos, novas, sen cualificación ou con necesidades de recualificación, residentes no ámbito rural, con discapacidade, migrantes, etc.
3. Impulsar políticas con perspectiva de xénero en todos os ámbitos e, especialmente, en materia de coidados e en políticas de corresponsabilidade efectiva.