A Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para urxirlle á Xunta que execute o desdobramento íntegro do corredor Nadela – Monforte que permita a súa conversión en Autovía. A portavoz de Obras Públicas, Patricia Otero, presentou esta iniciativa para completar unha actuación que “representa a pésima xestión das infraestruturas da Xunta”.
A responsable socialista sinala que a infraestrutura acumula “unha retaíla de promesas reiteradamente incumpridas, retrasos inxustificados e partidas que se consignan ano tras ano nos Orzamentos pero que nunca se executan”. A última, dixo, foron as declaracións de Feijóo anunciando a futura autovía entre Nadela e Sarria, obviando o tramo Sarria – Monforte e emprazando a un novo adiamento desta actuación.
Acusou ao presidente da Xunta de “non escoitar aos alcaldes, facer caso omiso das demandas dos veciños e veciñas e incluso dos consellos técnicos, que veñen sinalando dende hai anos o risco que supón manter o tráfico en dobre sentido nunha vía concibida como autovía para circular en sentido único”. Así o constatan os continuos sinistros rexistrados nesta estrada, que é un punto negro de sinistralidade viaria na provincia, algúns deles co falecemento das vítimas.
Urxiu ao goberno galego que “non se volvan durmir con estes trámites” e urxiu a rematar unha infraestrutura iniciada polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño. Aquel Executivo, explicou, realizou actuacións complementarias que permitirían o desdobramento total e a súa conversión en autovía, pero a chegada de Feijóo supuxo primeiro unha espera de 6 anos para completar o corredor, que non foi ata 2015, e o adiamento da súa conversión en autovía ata hoxe.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que execute, no menor prazo de tempo posible, o desdobramento total do corredor Nadela – Monforte de Lemos para convertelo en autovía”.