Julio Abalde alerta das dúbidas que esperta este programa, que está a provocar o abandono constante da plataforma por parte dos centros galegos
A Comisión de Educación do Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que realice unha revisión en profundidade do programa de dixitalización E – Dixgal do ensino galego. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, presentou esta iniciativa que foi aprobada logo dunha transacción cunha proposta semellante do BNG.
O responsable socialista presentou esta iniciativa logo de constatar as dúbidas e o descontento das Anpas e os centros educativos con esta plataforma, como así demostra o constante goteo de baixas de centros que deciden renunciar a empregala. Así, logo de acadar o máximo de usuarios no curso 2023 -24. Sen embargo, dende a súa posta en marcha no curso 2014 – 15 xa teñen renunciado 44 centros, 23 deles só no último curso.
Apunta ás numerosas dúbidas trasladadas por parte do profesorado e dos pais e nais, e das enquisas iniciadas dende as propias Anpas, que revelaron un apoio maioritario á dixitalización e o uso das TIC no ensino, pero amosaban descontento coa forma en que está a ser levada a cabo a través do E – Dixgal. Con estes feitos enriba da mesa, Abalde sinala que “cumpre facer unha reflexión e revisión do programa”.
O responsable socialista precisou que o E – Dixgal “non pode ser excluínte, senón unha combinación das ferramentas dixitais e os materiais docentes, e ten que ser o profesorado o que decida cales se empregan en cada caso”. Reclamou que o proceso educativo “estea no centro de todos os proxectos e programas tecnolóxicos que sexan introducidos”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento Galego insta á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a:
1.- Realizar unha avaliación seria do Programa Edixgal tras dez anos de implementación nas aulas, coa participación de todos os sectores afectados: familia, alumnado e docentes para coñecer o seu uso (dependendo dos centros, curso, materias…) e que valoración teñen do programa. Avaliar en que medida este recurso dixital está favorecendo realmente a aprendizaxe e se supón unha mellora da Competencia Dixital, que é o que se espera dun programa deste tipo.
2.- Identificar boas prácticas, en que centros o nivel de satisfacción é alto por parte dos distintos sectores e como se está empregando.
3.- Mellorar a información que reciben as familias sobre Edixgal, que aporta ao proceso de aprendizaxe e como se emprega desde as distintas materias.
4.- A través da Certificación de Competencia Dixital Docente -CDD-, integrar Edixgal na formación do profesorado promovendo un uso interdisciplinar xunto con máis ferramentas, onde nas materias que se empregue o libro dixital tamén teñan cabida outros recursos, especialmente en Primaria e 1º de ESO.
5.- Reforzar o desenvolvemento da dimensión da Competencia Dixital relativa ao uso responsable das TIC, a xestión da privacidade e a identidade e de saber facer unha lectura crítica dos contidos e dos procesos, un uso ético e responsable destas ferramentas”.