A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que entregue na Cámara o Plan de Acción do Marisqueo Galicia 2030. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, alertou do escurantismo que rodea a este texto que a Consellería ten evitado presentar “en ningunha publicación da Xunta de Galicia”.
Sinalou que “sería conveniente coñecer o seu contido así como os principios nos que se basea, os obxectivos concretos que se perseguen e os indicadores que se utilizarían para valorar o seu grao de éxito”. Tamén reclamou coñecer “a cronoloxía na implementación do dito Plan, así como o número de permisos de marisqueo que se pretende recuperar cada ano, e cantos destes corresponderán a mulleres”.
Advertiu que precisamente os permisos de marisqueo a pé solicitados por mulleres son os que máis teñen sufrido dende que Feijóo goberna na Xunta, cunha redución dun terzo deles, sen que se coñezan as iniciativas do Executivo autonómico para reverter esta tendencia. Os socialistas reclaman así coñecer o contido do dito Plan e que sexa sometido a debate dentro da propia Comisión de Pesca.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a poñer a disposición dos distintos grupos parlamentarios o Plan de acción do marisqueo Galicia 2030, ao que se referiu na emenda rexistrada co número 50167, en data 27/05/2019, e sometelo a debate na Comisión 8ª”.