Noa Díaz alerta do mal funcionamento da liña, con variacións insostibles de liñas e horarios e vehículos que incumpren as condicións de hixiene e seguridade
O goberno galego deberá situar nun lugar visible da web bus.gal un espazo para comunicar as incidencias
A Comisión de Infraestruturas do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que garanta o cumprimento das condicións da liña de autobús Ribeira – Santiago ao seu paso por Rianxo. A parlamentaria socialista Noa Díaz defendeu esta proposta para esixirlle ao goberno galego unha “solución inmediata” ás numerosas incidencias que está a padecer a veciñanza de utiliza esta liña.
A parlamentaria socialista, que mantivo un encontro co candidato socialista á alcaldía de Rianxo, Óscar Rial, no Grupo Parlamentario antes do debate da iniciativa, salientou que grazas a este acordo o goberno galego estará obrigado a situar un espazo para comunicar as incidencias nun lugar visible da web bus.gal, que agora está “agochado” no sitio.
Díaz cualificou de “surrealista” que os socialistas galegos teñan que levar ao Parlamento esta mesma reclamación de forma periódica polo desleixo do goberno galego diante dun incumprimento flagrante do contrato de transporte por estrada no Barbanza. Sinalou que “existen acordos parlamentarios que urxían dar solución a este problema crónico, e aquí segue sen pasar nada”, mentres o goberno galego asiste impasible.
Lembrou a lista de irregularidades na liña, con vehículos que non chegan á parada, que pasan demasiado pronto ou ata unha hora e media tarde, liñas suprimidas sen previo aviso ou vehículos que pasan de largo por ter o aforo completo. Estes problemas, explicou, tamén afectan á seguridade, cunha flota en “pésimo estado”, con humidades e pingueiras, asentos soltos, motores que fumean, ruídos insoportables, portas que non pechan ou condutores co cinto traballo.
Denunciou a resposta indolente do goberno galego, que asegura que os usuarios están satisfeitos, e que os vehículos foron inspeccionados, pero sen presentar nin enquisa de satisfacción algunha nin os resultados das inspeccións.
Este é o resultado, advirte, dun contrato centrado unicamente na rendibilidade, cun goberno que “busca optimizar como sexa os beneficios da empresa concesionaria”, mentres na cidadanía medra o “descontento xeral de toda a poboación”. Considera “incomprensible” que “non sexan quen de asumir que o contrato non funciona axeitadamente”, e de recoñecer que “teñen que ser máis dilixentes na tarefa obrigada de supervisión e de obrigar aos axustes necesarios”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– “O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
1.- Que lle esixa á empresa concesionaria do transporte interurbano de viaxeiros por estrada que solucione de inmediato as incidencias que está a padecer a veciñanza do concello de Rianxo coa liña Ribeira – Santiago, tanto no que se refire ao cumprimento de horarios e frecuencias como ás medidas de seguridade e hixiene esixidas dos vehículos.
2.- Que sitúe nun lugar visible e accesible da web bus.gal o espazo para que a cidadanía poida informar das incidencias que teñen lugar con este servizo”.