O Pleno do Parlamento aprobou hoxe parcialmente unha moción presentada polo Grupo Socialista para garantir a participación equilibrada de homes e mulleres nos órganos superiores e de dirección da Xunta. A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, presentou esta iniciativa que tivo que transaccionar co PP para aprobala cando menos parcialmente.
Lamentou que o PP impedira aprobar o apartado que fixaba a igualdade de xénero como requisito para a participación da Xunta nos consellos de Administración e que “deixe de ser papel mollado”. A responsable socialista reclamaba que a Xunta deixara de participar en ningunha sociedade que incumprira os criterios de equilibro entre xéneros nos consellos de administración fixados pola Lei 3/2007, pero o PP tumbou este apartado ao pedir votalo por separado..
Si que foi aprobado sen embargo asegurar a participación equilibrada entre homes e mulleres nos órganos superiores e de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como en tódolos seus entes instrumentais. Díaz reclamaba fixar a igualdade como como “requisito sine qua non na actuación das administracións públicas e na composición dos órganos de toma de decisión”.
A parlamentaria socialista chamou a “rachar cos malditos teitos de cristal, esas barreiras invisibles” construídas “sobre a base de construcións culturais androcéntricas moito máis difíciles de identificar e tamén de romper”. Advertiu de que “a cuestión da invisibilidade das mulleres nos centros de toma de decisión é un problema social que existe e que é inadmisible en democracia, por canto constitúe un grande obstáculo para o desenvolvemento social”.
Next Generation
A proposta aprobada hoxe incorpora ademais un apartado para reclamarlle á Xunta que asegure a presenza da perspectiva de xénero nos proxectos presentados pola administración autonómica aos Fondos Next Generation EU e garantir “o equilibro entre homes e mulleres en todos os órganos de decisión destes fondos”. Sinala que “de non ser así contradiríase a propia filosofía destes fondos, que teñen a igualdade de xénero como un dos seus grandes eixos”.
Apelou deste xeito á sociedade privada creada pola Xunta para xestionar a recuperación económica de Galicia, que foi inaugurada cunha dirección integrada só por homes. Acusou ao goberno galego de intentar “xustificar o inxustificable” anunciando que estaría dirixido por unha muller só despois de atender á contestación social pola configuración deste órgano.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a: