Carmen R. Dacosta denuncia a “dobre discriminación” das mulleres galegas, que padecen peores salarios por ser mulleres e aínda peores que a media do Estado por ser galegas
Lamenta que o PP rexeitara tamén unha proposta para garantir formación en materia de Igualdade para todo o persoal dos poderes públicos e protocolos de detección no ámbito educativo, policial, xudicial, laboral e social
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta un Plan de choque para diminuír a fenda salarial entre as mulleres e homes de Galicia. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, emprazou ao goberno galego a “deixar de mirar para outro lado” fronte ás discriminacións xeneralizadas das mulleres galegas.
Dacosta presentou onte esta iniciativa para romper coa fenda de xénero con medidas que contribúan a establecer un marco laboral de calidade no emprego, combatendo a desigualdade de acceso ás diferentes ocupacións e incrementando a incorporación das mulleres nos sectores masculinizados.
Advertiu que malia que hai máis galegas que galegos, elas “non son máis traballando nin asinan máis contratos, pero si que rexistran un desemprego máis elevado, menor ocupación e peores salarios”. En concreto, explicou que 7,5 de cada 10 empregos a tempo parcial son desempregados por mulleres, que ademais asumen o 92,4 por cento dos contratos a tempo parcial por coidados familiares.
Alertou ademais de que as mulleres galegas arrastran unha dobre discriminación, xa que teñen peores cifras por ser mulleres e ademais por ser galegas, xa que aínda teñen peores salarios que a media das mulleres no Estado.
As mulleres galegas, continuou, cobran un 18 por cento menos que os homes, o que supoñen 5.000 euros menos ao ano, e teñen a segunda peor retribución por hora do Estado, ata o punto de que perciben hoxe un salario medio semellante ao que percibían os homes hai 13 anos. Advertiu que as mulleres padecen máis precariedade laboral e unhas carreiras profesionais menos estables, o que deriva en situacións que rozan o risco da pobreza e a exclusión social.
Chamou a combater con datos e argumentos ás mensaxes negacionistas que cuestionan a existencia mesma da fenda salarial e polo tanto a necesidade de loitar por acadar a igualdade real e efectiva de homes e mulleres.
A responsable socialista defendeu as medidas postas enriba da mesa polas organizacións sindicais, que reivindican máis e mellores políticas activas de emprego con perspectiva de xénero e combater a segregación ocupacional. Chamou a avanzar cara á corresponsabilidade real e efectiva con medias que impulsen a concienciación dos homes na sociedade e nas empresas e investir en educación en igualdade.
Formación en igualdade
Carmen Dacosta tamén defendeu unha proposición non de Lei do Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que garanta formación básica, progresiva, permanente e obrigatoria en materia de Igualdade para todo o persoal dos poderes públicos e, en particular, para o persoal que traballa no eido social. Lamentou que o PP rexeitara esta proposta porque, advertiu, “ante o machismo non podemos permitirnos nin unha fisura”.
Sinalou que a desigualdade entre homes é mulleres “é inaceptable, intolerable e incomprensible no noso sistema democrático”, e emprazou a “concienciar á sociedade, mellorar a sensibilización da cidadanía, garantindo campañas e programas institucionais de concienciación social dirixidas a toda a sociedade e, en particular, a homes e nenos”.
Reclamou ademais protocolos de detección actualizados para profesionais do ámbito educativo, sanitario, policial, xudicial, laboral e social, que permitan actuar de forma proactiva e coordinada para detectar casos de violencia contra as muleres ou menores e encauzalos adecuadamente.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a elaborar un plan de choque feminino destinado a: