A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha iniciativa do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que repoña as dúas prazas de Radioloxía que permanecen vacantes no Hospital da Mariña. A iniciativa foi defendida pola parlamentaria socialista Patricia Otero, que incorporou unha transacción que propuxo durante o debate para garantir o proceso completo neste Hospital.
Otero acadou un acordo para incorporar á proposta aprobada hoxe reclamarlle á Xunta que as probas de radioloxía, así como os resultados e os cribados de cancro de mama sexan avaliados, diagnosticados e tratados por especialistas no propio centro sanitario. A responsable socialista anunciou que “estaremos vixilantes” diante do cumprimento deste acordo diante das reticencias trasladadas na intervención do PP.
A responsable socialista explicou que o Hospital da Mariña conta actualmente con 5 prazas de Radioloxía, pero só conta con 3 radiólogos, xa que os outros dous son trasladados dende o Hospital Lucus Augusti. Sinalou que “deberiamos ter 5 profesionais estables e propios na Mariña” para “darlle apoio a tódalas especialidades do servizo de radioloxía”.
Desmentiu que exista actualmente unha “atención completa e continuada no Hospital da Mariña”, xa que segundo a súa propia experiencia “dixéronme que o informe dunha mamografía sería derivado a Lugo”. Sinalou que as mulleres da Mariña viven esta situación con angustia, cando “se nos atopan algo estamos obrigadas a desprazarnos ata Lugo para ver ao especialista”.
Patricia Otero advertiu de que este é o resultado da desastrosa política de persoal do Sergas, cando “a última profesional foise recentemente a Asturias por un contrato de 3 anos que lle negan en Galicia”, onde están chamados á precariedade.
A parlamentaria da Mariña presentou esta iniciativa en resposta ao clamor dos usuarios e profesionais deste servizo, que están “asfixiados porque non poden garantir un servizo adecuado no hospital”, e teñen que “deixarse a pel para que todos estean ben atendidos”. Acusou ao goberno galego de “rirse de nós” ao provocar esta situación suprimindo a área sanitaria propia da Mariña, que pasou a ser un “distrito sanitario subsidiario do Hula”.
Denunciou o “desmantelamento” do que antes se coñecía como Hospital da Costa, e criticou que “ningún deputado do PP na Mariña viñera hoxe a defender a súa posición” porque, dixo, “cáeselles a cara de vergoña”.
Desprezo e prepotencia
Otero criticou ademais o “desprezo e prepotencia coa que actúan o PP e a Xunta de cara esta Cámara”, logo de constatar que o Grupo Popular enviara unha nota de prensa á Mariña adiantando tanto a súa intervención como o resultado da votación horas antes de que estas se produciran.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que de xeito urxente se repoña o servizo de Radioloxía do Hospital da Mariña, cubrindo as dúas prazas de radiólogos, que a día de hoxe están vacantes, con persoal estable, e garantindo a atención do proceso completo (diagnose e tratamento no propio especialista) no propio Hospital da Mariña, mantendo tamén o proceso completo de cribado do cancro de mama no mesmo”.